Publicador de contidos
Publicador de contidos

Imanol Idiákez: "Quero aprender galego. Creo que é o xusto"

Imanol Idiákez: "Quero aprender galego. Creo que é o xusto"

O adestrador do Deportivo recibiu unha regueifa composta por uns rapaces de Vila de Cruces para axudarlle coa aprendizaxe

Como agradecemento, Idiákez convidou os alumnos do IES Marco do Camballón a Abegondo

G24.gal 29/09/2023 20:07

Non sabemos cando comezou o idilio de Idiákez co galego. Pero si cando o verbalizou publicamente por primeira vez. Foi o 8 de setembro. Ao inicio da súa comparecencia de prensa, o técnico vasco pediulle ao xornalista da Radio Galega, Javi Torres, que lle falase en galego porque "así aprendo".

Esas palabras chegáronlles aos alumnos do Instituto de Educación Secundaria Marco do Camballón, en Vila de Cruces. "A túa ocorrencia non é algo moi común, pero a nós encantounos", cantan os rapaces. "Para aprender o galego, para estar ben preparado, o primeiro de todo é estar interesado", segue a composición. "Desde o club da lingua querémoste axudar para que aquí na Galiza ti poidas comunicarte. O galego é beleza, é cultura e tradición, vai unirte á nosa terra, sentirás gran emoción", engaden. 

Nunha xogada mestra, os cativos compuxeron unha regueifa que lle enviaron fai uns días. Imaxinen a sorpresa de Imanol Idiákez convertido de súpeto no estudante de galego máis aplicado. "O que pasou pareceume precioso. Quero aprender galego, estou niso. É xusto", asegurou antes de continuar. "Temos unha obriga cando imos a outros lugares e nos acollen e nos tratan tan ben como me tratan a min na Coruña. Temos a obriga de empaparnos da súa cultura".

Os rapaces de Vila de Cruces levarán o seu enxeño e capacidade didáctica a Abegondo, onde coñecerán o adestrador e intercambiarán, non pode ser doutra forma, as súas primeiras impresións en galego. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade