Un gol de Kounde na prórroga fai campión da Copa ao Barcelona (3-2) diante do Real Madrid
Trixésimo segundo título de Copa para o Barcelona nun Clásico trepidante
O Barcelona proclamouse campión da Copa do Rei, logo dunha final trepidante na Cartuja, con varias alternativas, e resolta finalmente na prórroga cun gol de Kounde.
O Barcelona fíxose co control do xogo desde o inicio, dominando territorialmente pero sen crear ocasións de perigo. No minuto 9, Mendy tiña que abandonar por lesión, deixándolle o sitio a Fran García.
No minuto 18 chegaba a primeira boa ocasión blaugrana, cunha acción de Lamine que rematou lambendo o pau. Pouco despois era Kounde o que obrigaba a Courtois a empregarse a fondo cunha cabezada á saída dunha falta.
Mediada a primeira metade o Real Madrid chegou á área rival por primeira vez. Foi Bellingham o que atopou a Vini, e este a Fran García, que rematou estrelando o balón na defensa. Pero so catro despois, un rápido ataque pola dereita chegaba o golazo de Pedri para abrir o partido. A asistencia foi de Lamine Yamal. Un a cero, e o Barcelona creando máis perigo neste treito final da primeira metade. Un gol anulado a Bellingham por fóra de xogo foi o preludio doutra clara acción culé. Dani Olmo sacou un córner, e o balón estrelouse no segundo pau sen que ninguén chegara a tocalo. E con vantaxe mínima do Barcelona chegouse ao descanso, despois ¡dunha internada de Vinicius en que De Burgos Bengoechea sinalou penalti, pero foi anulada por fóra de xogo.
Comezou a segunda metade coa entrada de Mbappe por Rodrigo pero, despois dun par de avisos de Lamine e Pedri, a primeira gran ocasión do Real Madrid levou o selo de Vinicius. O brasileiro plantouse na área e topou por dúas veces con Szczesny. Despois si avisou Mbappé cun bo movemento que acabou sacando o porteiro abaixo. Volveu mover o banco Ancelotti, e o Barcelona aproveitou para saír a uha contra perigosa que estragou Raphinha cun remate desviado.
O Real Madrid deu un paso adiante, e comezou a crear moito perigo con Mbappe e Vinicius. Na outra área, Rapinha volvía estragar un rápido ataque.
E, nun novo ataque madridista que acababa cunha falta ao bordo da área, Mbappé empataba cun lanzamento axustado. Culminaba o Real Madrid a súa mellora no partido, e seguiu buscando máis. Vinicius tivo outro ataque fulgurante no que asistiu a Mbappé, pero ao francés non lle chegou o balón en condicións. E, no 77, Tchouameni remataba un córner totalmente so para remontar a final poara o equipo branco.
Pero, cando parecía que o equipo de Ancelotti lle dera a volta ao partido, un balón longo, e unha indecisión de Rudiger e Courtois aproveitábaa Ferrán Torres para volver empatar a final. E, nos 6 minutos de engadido, o Barcelona intensificou o ataque, e acabou forzando un penalti logo dunha entrada de Asencio sobre Raphinha. Sinalouno De Burgos Bengoechea. Chequeouno o VAR de González Fuertes, e houbo consulta co monitor. E, tras revisar a xogada, anulouse a pena máxima e o partido foi á prórroga.
No tempo suplementario, a primeira foi para o Real Madrid, cun remate moi cruzado de Brahim. As forzas estaban xa moi xustas, e as imprecisións aumentaban. Pero o Barcelona si tivo unha moi clara a un minuto do descanso, cun remate que marchou cruzado por moi pouco.
A segunda metade da prórroga comezou con outra ocasión do Barcelona, desta volta cun remate de Fermín que saiu por riba do traveseiro. E, no minuto 115, cos equipos pensando xa na quenda de penaltis, Kounde recolleu un balón na frontal aproveitando un erro de Brahim, e marcou de tiro raso o 3-2. Aínda tivo tempo Mbappé para forzar outro penalti, pero a xogada volveu quedar anulada por un fóra de xogo de Brahim no inicio. Rematou a final, e o Barcelona corouse coa súa trixésimo segunda Copa do Rei, diante do seu eterno rival na Cartuja.
