Un Real Madrid "con recursos" busca o milagre na Champions
O Madrid afronta a volta dos cuartos de final de Champions cun lastre de 3 goles
O Arsenal leva sen perder por 4 goles de diferenza dende o 2021
Mendy, por lesión e Camavinga, sancionado, son baixa

"Temos os recursos, agora hai que facelo". Iso dixo Carlo Ancelotti na previa dun encontro que pode decidir o seu futuro no banco branco. A fe dos madridistas foi en aumento progresivamente a medida que se ía achegando este mércores. O propio Bellingham recoñeceu que a verba máis escoitada no vestiario, dende o 3 a 0 no Emirates Stadium, é "remonta".
Esta noite, ás 21:00, o Real Madrid terá que facer 3 goles para mandar o encontro a prórroga e 4 se quere sentenciar a eliminatoria en 90 minutos. O Arsenal leva sen perder por 4 goles dende o ano 2021, pero se algún escenario é quen de romper esa xeira, o Santiago Bernabeu, nunha noite de Champions, é un claro favorito.
Amais das baixas xa coñecidas no Real Madrid, como as de Carvajal, Militao e Lunin, Mendy tampouco poderá estar pola lesión que arrastra no bíceps femoral dende hai un mes e Camavinga perderase o encontro por sanción. O equipo dirixido por Arteta chega ao Bernabéu con baixas importantes como as de Magalhaes, Calafiori e Tomiyasu en defensa, e as de Havertz e Gabriel Jesus no ataque.
