Publicador de contidos
Publicador de contidos

Intensa presión internacional sobre Maduro ante a falta de avances cos mediadores en Venezuela

Intensa presión internacional sobre Maduro ante a falta de avances cos mediadores en Venezuela

Os Estados Unidos, a Unión Europea e unha vintena de países pídenlle a Venezuela que publique as actas electorais

A declaración conxunta, asinada tamén por España, Chile e a A Arxentina individualmente, reclama a liberación inmediata das persoas detidas de xeito arbitrario e verificar os resultados das eleccións

Nicolás Maduro enrócase e contraataca fronte ás críticas dos organismos internacionais ao tempo que medra a "impaciencia" do Brasil e Colombia

G24.gal 17/08/2024 09:58 Última actualización 17/08/2024 14:09

Tanto o chavismo como a oposición rexeitan repetir as eleccións en Venezuela, tal e como propoñen Colombia ou O Brasil.

Os Estados Unidos, a Unión Europea e unha vintena de países rexeitaron este venres a represión aos manifestantes e pídenlle ao Goberno de Venezuela a liberación inmediata de todas as persoas que foron detidas arbitrariamente no marco das protestas despois das presidenciais do 28 de xullo, nas que as autoridades electorais, controladas polo oficialismo, proclamaron gañador a Nicolás Maduro sen mostrar evidencias que apoien ese resultado.

Ante esta situación Maduro enrócase e resiste as intensas presións internacionais tanto dos observadores electorais invitados polo seu propio Goberno, como de gran parte da comunidade internacional, que se resiste a recoñecer a súa vitoria ata que non se publique o escrutinio con detalle.

A falta de avances incrementa a impaciencia dos mediadores rexionais, liderados por Colombia e O Brasil.

“Urximos a que se respecten os principios democráticos, así como os dereitos humanos e as liberdades fundamentais de todos os venezolanos e, en particular no dereito para manifestarse pacificamente e a exercer a liberdade de expresión”, sostén a declaración conxunta que subscriben a Unión Europea no seu conxunto; España e Italia de forma individual e tamén gobernos de América, como Estados Unidos, Chile e A Arxentina.

Este pronunciamento prodúcese pouco antes das manifestacións que a oposición, liderada por María Corina Machado, convocou para este sábado en Venezuela e nos países onde residen os 7.7 millóns de venezolanos que emigraron durante os últimos anos. A mobilización busca reivindicar o triunfo do opositor Edmundo González Urrutia nos comicios.

O documento internacional no que van da man a Unión Europea e moitos dos gobernos de América Latina por primeira vez, apunta o informe preliminar do Panel de Expertos da ONU sobre as eleccións presidenciais en Venezuela, que concluíu que o proceso non cumpriu coas medidas básicas de transparencia e integridade que son esenciais para a realización de eleccións cribles. Lembra que o Consello Nacional Electoral (CNE) aínda non presentou as actas que verifiquen os resultados anunciados.

A oposición publicou máis do 80 % das actas electorais, que mostran unha ampla vitoria de González Urrutia, co 67% dos votos.

"Solicitamos a inmediata publicación de todas as actas orixinais e a verificación imparcial e independente deses resultados, preferiblemente por unha entidade internacional, para garantir o respecto á vontade do pobo venezolano expresada nas urnas”, afirma a declaración, que non asinan O Brasil, Colombia e México, os tres países que lideraron un intento de medicación que buscaba unha saída con diálogo.

A líder da oposición venezolana, María Corina Machado, como o seu candidato presidencial Edmundo González agradeceron “profundamente”, a través das redes sociais, a “histórica declaración” subscrita polos representantes de Estados Unidos, a Unión Europea e unha vintena de países reunidos en Santo Domingo con motivo da toma de posesión do presidente dominicano, Luis Abinader.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade