Investigadores da Universidade da Coruña buscan reducir a pegada de carbono da IA
Investigadores da Universidade da Coruña buscan reducir a pegada de carbono da IA
No CITIC tratan de desenvolver algoritmos que aumenten a eficiencia e diminúan o consumo das app
Unha sesión de adestramento de IA pode consumir o equivalente a 120 casas nun ano
"Estaría ben que os programas informáticos tivesen unha etiqueta enerxética igual que os electrodomésticos", di a investigadora Verónica Bolón
Un dos proxectos que están en marcha no Centro de Investigacion en Tecnoloxías da Información e da Comunicación da Universidade da Coruña, o CITIC, analiza os estados da opinión pública ou a opinión sobre un produto determinado polos comentarios nas redes sociais.
Á fronte desde proxecto está Carlos Gómez, catedrático de Intelixencia Artificial e investigador do CITIC. Traballa nun proxecto para analizar como se reciben as mensaxes comerciais: que gusta e onde están os puntos débiles das campañas, algo que preocupa tamén na comunicación política. Todo pode saberse mediante a análise dos comentarios que deixamos en redes.
"O procesamento da linguaxe sempre se considerou o Santo Graal da IA", explica.
"Sondar o mercado e saber como percibe a xente determinados produtos ou mensaxes. É unha necesidade estratéxica básica de empresas, institucións. Pero a maioría dos expertos non imaxinaban que a capacidade actual no procesamento lingüístico ía chegar tan pronto. Imaxinabamos un avance así para ao mellor dentro de vinte anos", engade Carlos Gómez.
Por iso, pensan, son importantes institucións públicas como o CITIC cunha perspectiva ética que procura, por exemplo, a inclusión das linguas minoritarias. Pero non só.
"A IA por suposto ten o potencial de axudar en problemas derivados do cambio climático, pero á súa vez é parte do problema. Fálase da contaminación de Chat GPT, porque se estima que unha sesión de adestramento gasta a enerxía equivalente ao consumo de 126 casas nun ano", explica a investigadora Verónica Bolón.
Por iso no CITIC desenvolven algoritmos verdes, app e webs que funcionen en dispositivos máis pequenos e máis eficientes.
"Levamos anos utilizando ferramentas como Google a diario que tamén teñen unha pegada e contaminan moito: hai un estudo que di que ten un impacto ambiental e enerxético maior que a industria aérea", engade.
Ás veces pénsase na nube como algo etéreo, pero a nube son son moitos ordenadores que consumen enerxía e que precisan refrixeración que tamén consume enerxía.
"Quizais estaría ben que os programas informáticos tivesen unha etiqueta enerxética igual que os electrodomésticos que temos nas nosas casas", remacha.