Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan un condenado por unha malleira en Vigo por ameazar á testemuña protexida que o identificou

Investigan un condenado por unha malleira en Vigo por ameazar á testemuña protexida que o identificou

O investigado logrou identificar esa testemuña, a pesar de que declarou por videoconferencia, sen imaxe da súa cara e coa voz distorsionada

G24.gal 17/10/2024 16:03

O xulgado de instrución 1 de Ourense investiga a Gregorio G.R. como presunto autor dun delito continuado de ameazas, exercidas contra unha persoa que declarou como testemuña protexida na causa seguida contra Gregorio e outro mozo pola malleira propinada a dous mozos na rúa Hernán Cortés de Vigo, en xaneiro de 2022, procedemento do que ambos saíron condenados.

Fontes do TSXG confirmaron que o xulgado ourensán abriu dilixencias contra este home e impúxolle, como medida cautelar, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima, un veciño de Ourense que, no xuízo polos feitos de Vigo, declarou como testemuña protexida, e identificou a Gregorio e o seu acompañante nun vídeo gravado por unha persoa que presenciou desde a súa xanela a malleira.

O investigado logrou identificar esa testemuña, a pesar de que declarou por videoconferencia, sen imaxe da súa cara e coa voz distorsionada, e agora investíganse as supostas ameazas cara a el e a súa familia. Ademais, o prexudicado denunciou tamén unha suposta agresión o pasado mes de agosto nun local de lecer.

Gregorio G.S. e Adrián S.H. foron condenados pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra a 5 anos e tres meses de cárcere, e a 4 anos e tres meses de cárcere, respectivamente, como coautores dun delito de lesións con deformidade, coa agravante de abuso de superioridade, e dun delito leve de lesións. Ademais, o tribunal impuxo a cada un deles unha multa de 360 euros e o pago solidario de indemnizacións que sumaban máis de 20.000 euros.

A Audiencia viu probado que os dous acusados, na madrugada do 30 de xaneiro de 2022, mantiveron unha discusión con dous mozos na rúa Hernán Cortés de Vigo e propináronlles unha malleira ata que os deixaron semiinconscientes. O peor parado foi un dos mozos, que unha vez no chan indefenso, foi golpeado por Gregorio na cabeza e a cara.

"Estou seguro ao cento por cento", sinalou na vista.

A testemuña explicou que se decidiu a informar a Policía porque vira nos medios de comunicación que se detivo outra persoa pola súa implicación na malleira, unha persoa que chegou a ingresar en prisión provisional, pero foi liberado e exculpado. Esta testemuña achegou aos investigadores fotografías de redes sociais dos acusados noutros momentos, nas que se lles vía coas mesmas pezas de roupa que as que levaban nese vídeo.

Ademais, na súa sentenza condenatoria, a Audiencia expuxo: "E este Tribunal pode corrobar que, tras ver durante horas aos acusados nas distintas sesións do xuízo oral, ningunha dúbida ten en que son eles os dous agresores que aparecen nas imaxes do vídeo, sendo a persoa máis alta, que propina as patadas finais, e o máis baixo, vestido cun chaquetón claro que o acompaña".

A iso súmase que os teléfonos móbiles dos acusados situáronos na zona e no momento en que se produciu a agresión, aínda que as vítimas non foron capaces de recoñecer aos atacantes no xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade