Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel intensifica os ataques sobre Gaza

Israel intensifica os ataques sobre Gaza

60 mortos en dous días tras os ataques israelís

A ONU alerta da situación dramática na Franxa

O Exército hebreo bombardea unha casa de Yabalia e mata unha vintena de gazatís
G24.gal 25/04/2025 08:27

Un novo bombardeo sobre Gaza deixou nas últimas horas preto dunha vintena de mortos e varios desaparecidos. Nos últimos dous días, 60 gazatís morreron polos ataques israelís. A ONU alerta de que a situación na Franxa é dramática.

Israel intensificou nos últimos días os ataques sobre a Franxa. O último, contra unha unha casa familiar da localidade de Yabalia, na que se refuxiaban desprazados pola guerra. Tamén atacaron esta semana unha comisaría, onde supostamente, segundo Israel, se escondían terroristas de Hamas, e unha escola onde se refuxiaban civís. 

Desde que o Goberno de Netanyahu rompera o alto o fogo o pasado 18 de marzo, uns 2.000 gazatís morreron polos ataques do exército hebreo. Lonxe de escoitar os chamamentos a retomar as negociacións, Netanyahu ameazaba nas últimas horas con intensificar a ofensiva israelí se non se avanza na liberación dos reféns que aínda están en poder de Hamas. 

Onte, nunha mensaxe televisada, o presidente palestino, Mahmud Abas, pediulle a Hamas que ceda a súa responsabilidade sobre Gaza, que entregue as armas e devolva os 59 reféns israelís para poñer fin á guerra de exterminio, dixo, de Israel sobre o enclave. 

É que a situación na Franxa é cada día que pasa máis dramática. Os continuos bombardeos obrigaron a 420.000 gazatís a verse forzosamente desprazados. A ONU denunciaba onte que, desde hai 50 días, Israel bloquea totalmente a entrada de alimentos e de axuda humanitaria na Franxa. 

37 hospitais están fóra de servizo tras os ataques hebreos. Nin sequera as ambulancias teñen combustible para atender as emerxencias. 
Desde o inicio da guerra, o 7 de outubro de 2023, máis de 51.300 palestinos morreron nos ataques israelís contra Gaza, a maioría mulleres e nenos. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade