O director Elberdin ensina técnica vocal a mestres de música en Ourense
O director Elberdin ensina técnica vocal a mestres de música en Ourense
O prestixioso director e compositor vasco imparte un curso sobre canto coral no ensino a profesorado de primaria e secundaria
O curso serve tamén de preparación da vindeira edición de Ourencanto, un certame de corais escolares coordinado polo compositor
A formación continua dos mestres é básica para mellorar a docencia. Tamén para os de música. Así o entenden os participantes no seminario que esta fin de semana imparte o prestixioso director Josu Elberdin en Ourense. Ensinoulles técnicas que lles axudan, ademais, no control das aulas.
Un grupo duns 70 mestres de toda Galicia foron dende o venres ata este domingo os alumnos. Dan clases de música en primaria e secundaria e en moitos casos dirixen coros nos seus centros escolares. Da man dun dos directores máis recoñecidos do momento a nivel mundial, procuran mellorar as técnicas vocais e de dirección coral.
"Ensínanos -á parte de practicar todo o repertorio- a técnica coral, a técnica vocal, técnica de respiración, técnica de colocación de voz. E despois de practicar iso fainos dirixir un pouquiño", comenta Olalla Núñez, mestra de música nun centro de secundaria.
"Falamos dos xestos e os acenos, como poden cambiar algunhas cousas cos acenos, como conseguir que os alumnos e os cantantes estean centrados. Pero tamén traballamos aspectos de repertorio, de dinamización para unha clase ou como conseguir que nenos con problemas vocais os superen e canten cada vez mellor", sinala Josu Elberdin, que dende hai catro anos imparte este curso organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ourense.
A música ten un valor artístico e de expresión de seu, pero aquí ten utilidade tamén como ferramenta para a docencia noutras materias. Achega técnicas que melloran a atención e a formación integral dos estudantes.
"Conseguir que estean unha hora e media de ensaio centrados, querendo coñecer máis da música e do coro, iso lógrase non só cos músicos senón tamén noutros eidos da educación", sinala Elberdin.
"Favorece todo. A concentración, a capacidade de traballo, pero tamén a formación individual, a súa autoestima, e sobre todo algo máis xeral que é a conciencia de grupo", corrobora Tania González, mestra de música nun colexio de primaria.
O curso serve tamén como ensaio da nova edición de Ourencanto, un encontro de coros escolares que é xa un referente no panorama musical máis alá das nosas fronteiras.