Un piano de cristal case único no mundo soa na Catedral de Santiago
Un piano de cristal case único no mundo soa na Catedral de Santiago
A compositora Mine Kawakami tocou o instrumento coa autorización expresa do propietario da compañia de pianos que permitiu por primeira vez que fose trasladado desde o Xapón a España
O piano está valorado en case un millón de euros
Kawakami "o meu gran proxecto agora é aprender a falar galego"
Este piano prestado da marca Kawai fixo un camiño máis longo que un peregrino porque saíu do Xapón e chegou aquí. É a primeira vez que chega aquí a Santiago, pedinllo ao dono, que eu coñézoo bastante ben, porque ten unha sonoridade moi diferente ao piano normal. Ten moito brillo e é moi transparente. Esta catedral é o mellor sitio para este piano, di Mine Kawakami.
Desde a súa chegada a Santiago hai máis de vinte anos, a pianista xaponesa Mine Kawakami soñaba con realizar este concerto: cun piano de cristal case único no mundo e acompañada do órgano da catedral. Interpreta once temas dedicados a Compostela e a seu pai falecido.
"Esta música compúxena para sanar a alma e estar ben. Este é un pensamento moi xaponés pero a música axuda moito a acompañar, por iso gustaríame que se a xente ten algunha tristeza ou se precisa compañía veña ao concerto", di Mine Kawakami.
Tras este primeiro concerto en España cun piano de cristal, valorado en case un millón de euros, a compositora ten previsto un segundo recital. Será en Barcelona, na Fundación Miró.
"Hoxe estou tocando co órgano, en Barcelona tocarei coas pinturas de Joan Miró, escoitarei os cadros e improvisarei outros temas", afirma.
Con todo, asegura que ten un proxecto máis grande en mente.
"Agora, o meu proxecto importante é aprender a falar en galego, asegura a pianista.