Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia, líder na produción de minerais de uso tecnolóxico

Galicia, líder na produción de minerais de uso tecnolóxico

O director de minería de Recursos de Galicia, asegura  que a comunidade é líder na produción de cuarzo e  silicio metalúrxico, minerais moi demandados pola industria tecnolóxica

O responsable da sociedade mixta garante que a minería de hoxe en día é sostible técnica, ambiental e socialmente

Recentemente publicouse no DOGA a licitación dos dereitos de investigación mineira nas provincias da Coruña e de Lugo

G24.gal 26/01/2025 10:00 Última actualización 26/01/2025 11:58

O director de minería da sociedade mixta Recursos de Galicia asegura que Galicia pode contribuír "de forma modesta" aos obxectivos marcados pola Unión Europea para sermos   autosuficientes en materias primas demandadas pola industria tecnolóxica e polo sector das enerxías renovables.

Carlos Martínez afirmou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que a comunidade é líder na produción de lousa de granito ornamental pero tamén en minerais cun alto uso tecnolóxico.

"Nós podemos contribuír aos obxectivos marcados por Europa para dotarnos de independencia na obtención de materiais como o cobre, o litio, as terras raras, o estaño ou o volframio".

En canto ás terras raras, Martínez apuntou que  ai xacementos e tecnoloxías  para aproveitalas  de xeito sostible tendo en conta o impacto ambiental, social e económico.

"Os aeroxeradores, os vehículos eléctricos e todas as aplicacións tecnolóxicas precisan das terras raras, en pequenas cantidades pero todo suma"

Minería sostible

O director de Minería de Recursos de Galicia referiuse, na Radio Galega, á necesitade de evitar "os  conflitos" que afrontan outros sectores, como a enerxía eólica, polo seu impacto.

"A minería de hoxe en día non ten nada que ver coa dos anos 70, 80 ou 90. A tecnificación e a lexislación están a anos luz"

Carlos  Martínez defende que a actividade extractiva ten que ser sempre "sostible e xusta". Engade que as empresas mineiras teñen que presentar un plan de explotación, un plan de restauración, un estudo de impacto ambiental e "dende hai uns meses,  un estudo de impacto económico".

"A Administración fai uns estudos moi rigorosos e exhaustivos antes de autorizar calquera actividade extractiva".

O responsable de Recursos de Galicia lembrou que esta sociedade mixta creouse para pór a disposición de todos os galegos os recursos propios. Neste sentido lembrou que o lema da empresa público-privada é  "os nosos recursos ao noso servizo".

"Estamos na obriga de aproveitar e de poñer en valor os recursos de Galicia porque está demostrado que van ter un efecto tractor para o resto de elos da cadea da industria".

Carlos Martínez  sinalou que dende Recursos de Galicia buscan que "os galegos sintan o beneficio de ter unha mina preto deles, mellorando as infraestruturas e aumentando a capacidade económica do entorno". Engadiu que as explotacións mineiras crean "emprego de calidade no rural e contribúen a fixar poboación".

O director de minería de Recursos de Galicia prognosticou que "nos vindeiros anos  empezaremos a ter proxectos funcionando a pleno rendemento que demostrarán que se pode facer un aproveitamento sostible e que non hai nada que agochar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade