Publicador de contidos
Publicador de contidos

Telefónica cae un 2,7 % en bolsa e Indra sobe un 2,9 % tras os cambios nas súas cúpulas

G24.gal 20/01/2025 19:31

Os investidores reaccionaron de forma dispar aos cambios nas presidencias de Telefónica e de Indra, xa que a operadora de telecomunicacións baixou un 2,72 % en bolsa, mentres que o grupo tecnolóxico subiu un 2,93 %.

A substitución á fronte de Teléfonica, onde José María Álvarez-Pallete deixou paso a Marc Murtra, ata esta fin de semana presidente de Indra, segue xerando un aceso debate político.

O pasado sábado, o Consello de Administración de Telefónica nomeou presidente a Murtra nunha reunión convocada de urxencia. O domingo, o consello de Indra elixiu a Ángel Escribano, cofundador de Escribano Mechanical&Engineering, para ocupar o posto deixado por Murtra.

Tras estes movementos, as accións de Telefónica pecharon a sesión cun descenso do 2,72 %, o maior retroceso do IBEX 35, o principal índice da Bolsa española.

Pola contra, os títulos de Indra subiron un 2,93 % na xornada, o avance máis acusado do selectivo.

Desde Bruxelas, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, asegurou que a substitución na presidencia de Telefónica é unha aposta "a medio prazo" para que a operadora manteña unha posición de "liderado" nun sector "estratéxico".

"Facémolo con total normalidade dentro do que son decisións operativas normais nas (empresas) cotizadas en España, buscando o consenso entre os accionistas maioritarios e seguindo todos os procedementos", explicou Cuerpo antes de participar na reunión do Eurogrupo.

Carlos Cuerpo, ministro de Economía, Comercio e Empresa. EFE

O ministro subliñou que o sector no que opera Telefónica ten "ramificacións moi importantes" en áreas como a ciberseguridade ou a intelixencia artificial, nas que "o novo presidente pode realizar achegas particularmente relevantes".

Na mesma liña, o titular de Industria e Turismo, Jordi Hereu, sinalou que Marc Murtra será un "magnífico presidente" para afrontar os seguintes retos da empresa.

"Valoro moi positivamente a presidencia de José María Álvarez-Pallete, pero, sen dúbida, agora hai que afrontar unha nova etapa, cun novo presidente, Marc Murtra, que foi un gran presidente de Indra", sinalou Hereu tras intervir no foro turístico Hotusa Explora.

Hereu recalcou que Telefónica é unha "empresa estratéxica para España".

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, expresou o seu desexo de que o cambio na cúpula de Telefónica se abordase cunha "formulación puramente empresarial" e lembrou que a participación do Estado na operadora "non é do Goberno" senón "de todos os españois".

Garamendi eloxiou a figura de Álvarez-Pallete que, ao seu xuízo, "foi un gran presidente de Telefónica".

Sumar criticou a indemnización que recibirá o xa expresidente de Telefónica, que cualificou de "escandalosa", e anunciou que exporá limitar por lei as compensacións que reciben os altos directivos de empresas.

"Estas indemnizacións están moitas veces na orixe da brecha e do aumento da desigualdade de renda no noso país, e operan, ademais, como un incentivo á mala xestión nas empresas", dixo o portavoz de Sumar e ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade