Kishida retoma os actos electorais tras ser evacuado por unha explosión
Kishida retoma os actos electorais tras ser evacuado por unha explosión
O primeiro ministro do Xapón dispoñíase a dar un discurso
O detido polo ataque ten 24 anos e levaba outro artefacto
O primeiro ministro do Xapón, Fumio Kishida, retomou este sábado os seus actos electorais, unha hora despois de ser evacuado por unha explosión da que saíu ileso cando se dispoñía a dar un discurso.
O incidente tivo lugar no porto da cidade de Wakayama (no oeste do país) sobre as 11:30 hora local. No lugar había centos de persoas congregadas para escoitalo cando se rexistrou unha forte explosión.
"Imos celebrar unhas importantes eleccións para o noso país, e debemos traballar xuntos para que sigan adiante", declarou Kishida pouco despois.
As autoridades nipoas detiveron un home no lugar dos feitos como suposto responsable do lanzamento do artefacto explosivo, que, segundo testemuñas presenciais, era un cilindro metálico e que estalou de xeito similar a unha bomba de fume.
Nas imaxes tomadas pola cade estatal NHK, pódese ver un grupo de cinco axentes inmobilizando o presunto responsable no chan e o resto de persoas fuxindo da zona entre berros.
As autoridades xaponesas confirmaron que o arrestado é un home de 24 anos chamado Ryuji Kimura e portaba un segundo explosivo. Residente na cidade de Kawanishi, na prefectura de Hyogo, negouse a declarar.
O executivo e o gobernante Partido Liberal Democrático (PLD) condenou o incidente, que chega antes doutra rolda de eleccións locais previstas para a vindeira semana.
Tiroteo de Shinzo Abe
Este incidente ten lugar despois de que en xullo do ano pasado o exmandatario xaponés Shinzo Abe falecera tiroteado por detrás cunha arma de fogo de fabricación caseira, mentres participaba nun acto electoral do mesmo tipo na cidade de Nara.
Ademais, ocorre a mesma fin de semana en que Xapón acolle dúas reunións ministeriais do G7, de Asuntos Exteriores e de Enerxía e Medio Ambiente. A finais do vindeiro mes está previsto o cume de líderes dese grupo de países na cidade de Hiroshima.