Lorenzana: "A minaría é importante para o desenvolvemento industrial galego e para a autoprovisión da nosa industria"
Lorenzana: "A minaría é importante para o desenvolvemento industrial galego e para a autoprovisión da nosa industria"
Lorenzana: "A minaría é importante para o desenvolvemento industrial galego e para a autoprovisión da nosa industria"
O Diario Oficial de Galicia publica este venres os concursos mineiros da Coruña e de Lugo
A Xunta agarda o pronunciamento ministerial sobre as axudas unha vez que estea lista a declaración de impacto ambiental para o proxeto de Altri en Palas de Rei
A Xunta de Galicia vai convocar un concurso para a explotación de 51 dereitos mineiros que caducaron no país.
Os interesados poderán solicitar un permiso previo para estudar o potencial das minas antes de decidirse. Na decisión para outorgar as licenzas primarán os criterios medioambientais e o impacto socioeconómico do proxecto na zona.
A medida, aprobada este luns no Consello da Xunta, forma parte da primeira fase do primeiro plan co que o Goberno galego pretende impulsar a investigación sobre materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos.
O Goberno galego subliña que este plan forma parte do obxectivo de lograr facer do sector mineiro "un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital actual se abastece de maneira sostible con recursos minerais autóctonos".
"Temos en Galicia máis do 8 % da extracción mineira de España e representa máis dun 1 % do noso PIB, así que desde o punto de vista do desenvolvemento industrial da comunidade é moi importante e tamén para a autoprovisión da nosa industria", asegurou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, nunha entrevista este martes no programa Bos días de Televisión de Galicia.
Por provincias, a maioría das licitacións repártense entre as provincias de Lugo e de Pontevedra, con 17 cada unha; mentres que en Ourense saen a concurso dez dereitos e na A Coruña, sete.
Estes dereitos mineiros foron concedidos no seu día, principalmente, para a extracción de caolín e arxila na provincia coruñesa; caolín, feldespato, cuarzo, laxa, baritina, ferro e mica en Lugo; arxila, laxa e granito ornamental en Ourense, e, finalmente, caolín, arxila e cuarzo en Pontevedra.
"Estes 51 permisos de investigación están baseados en solicitudes previas e no carácter estratéxico deses minerais", detallou Lorenzana, quen avanzou que este venres se publicarán os concursos das provincia da Coruña e de Lugo e "nuns días", os das outras dúas provincias.
Os gañadores disporán dun prazo máximo de 3 anos para solicitar a concesión, previa presentación dun proxecto "con declaración de impacto ambiental" para a explotación do recurso.
Pendentes da avaliación ambiental de Altri
Á falta de coñecer aínda os resultados da avaliación ambiental para o proxeto de Altri en Palas de Rei, determinante para a súa entrada en funcionamento, Lorenzana indicou que o proceso "está a chegar á súa fase final para que a Consellería de Medio Ambiente emita o seu informe".
A titular da carteira galega de Industria lembrou que é o Ministerio de Industria quen debe decidir se Altri pode ou non acceder ás axudas do PERTE de descarbonización industrial. "Non vou opinar sobre outra Admnistración", aseverou no Bos días. A conselleira lembrou as declaracións da secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, quen asegurou que o seu departamento está "expectante" perante a avaliación ambiental que realice a Xunta, polo que "terán que pronunciarse nalgún momento".
Axudas a pemes e autónomos
Tamén a Xunta anunciou que esta semana pon a disposición de empresas e autónomos a práctica totalidade das opcións de apoio do Instituto Galego de Promoción Económica a través de 15 liñas de axuda por un importe superior aos 172 millóns de euros. Están recollidas no Diario Oficial de Galicia destes luns e martes "para que as empresas e autónomos poidan afinar a súa planificación desde as primeiras semanas do ano e forma parte da liña de desburocratización e simplificación da Administración", explicou a conselleira.
Nas convocatorias destacan os empréstitos para incentivar a concentración empresarial, os de desenvolvemento tecnolóxico, a nova liña de 10 millóns de euros para a implantación da Intelixencia Artificial nas pemes, as axudas a startups ou o programa de atracción de empresas.
"Este paso que demos de crear unha área de innovación no Igape vén da nosa crenza de que é fundamental apoiar as empresas que non son tecnolóxicas, a maioría, para que incorporen a tecnoloxía e, nomeadamente, a intelixencia artificial", detallou. Lorenzana precisou que este ámbito está dotado con 15 millóns de euros.
A conselleira tamén se referiu a unha convocatoria de axudas por importe de 7,5 M€ para reducir a factura eléctrica das empresas galegas mediante investimentos en eficiencia enerxética. Lorenzana lembrou que as axudas de Inega son compatibles entre elas.