Nicolás Maduro asegura que González Urrutia "está a violar" o seu dereito de asilo en España
Nicolás Maduro asegura que González Urrutia "está a violar" o seu dereito de asilo en España
O presidente venezolano advírtelle ao líder opositor: "Deixa de chamar a unha guerra civil en Venezuela; é moi fácil convidar á guerra desde unha tasca de Madrid"
Tanto Maduro como González Urrutia aseguran que tomarán posesión do cargo de presidente o próximo 10 de xaneiro
O presidente de Venezuela Nicolás Maduro asegurou este mércores que o líder opositor Edmundo González Urrutia está "a violar" o dereito de asilo que solicitou a España, onde está exiliado desde o pasado setembro por considerar que no país caribeño sofre unha "persecución política e xudicial".
"Non xogues con lume. Respecta a Venezuela, estás a violar o acordo que asinaches, estás a violar o dereito de asilo de España", advertiulle o presidente venezolano durante un acto transmitido pola canle estatal VTV.
Maduro asegura: "É moi fácil convidar á guerra desde unha tasca de Madrid". E dille: "Oíches, velliño Urrutia, coidado co que dis desde alá, que ten consecuencias graves. Coidado coas túas palabras, non te equivoques co pobo de Venezuela. Venezuela non vai ver guerra".
Tanto Maduro como González Urrutia aseguran que tomarán posesión do cargo como presidente o próximo 10 de xaneiro. O actual mandatario alega que foi proclamado vencedor das eleccións polo Consello Nacional Electoral (CNE) e o opositor reivindica a vitoria tras cualificar de fraude o resultado electoral.
O martes, a oposición maioritaria de Venezuela, agrupada na Plataforma Unitaria Democrática (PUD), apoiou a "firme determinación" do opositor de asumir a Presidencia en xaneiro e indicou que para lograr este obxectivo é "crucial" que cada cidadán se una e apoie a loita.
A PUD denuncia fraude electoral e afirma que a vitoria é do seu candidato, segundo o 83,5 % das actas que aseguran reunir mediante testemuñas e membros de mesa, documentos que o Goberno considera falsos.
Aínda que a reelección de Maduro foi criticada pola comunidade internacional, principalmente pola falta de probas que confirmen o seu triunfo nas urnas, todas as institucións do país caribeño, incluídas as Forzas Armadas, apoian o líder chavista e ven a PUD como golpista que pretende tomar o poder á forza.