Venezuela aproba unha lei que ordena 30 anos de prisión para quen promova sancións
Venezuela aproba unha lei que ordena 30 anos de prisión para quen promova sancións
A nova norma define como "accións que poñen en risco a soberanía" o descoñecemento á lexitimidade dos poderes públicos ou o recoñecemento de investiduras a suxeitos que "simulen" representar o poder público
A Asemblea Nacional (AN, Parlamento) de Venezuela, controlada polo chavismo, aprobou este xoves unha lei que ordena penas de 25 a 30 anos de prisión e multas de ata un millón de euros (ata 1.055.680 dólares) para as persoas que promovan, ou estean implicadas de calquera xeito nelas, as sancións estranxeiras impostas ao Goberno e "autoridades" do Estado.
A Lei Orgánica Liberador Simón Bolívar contra o Bloqueo Imperialista e en Defensa da República Bolivariana de Venezuela, que deberá ser asinada polo presidente Nicolás Maduro para a súa entrada en vigor, inclúe tamén inhabilitación política de 60 anos de duración a quen incorra nestes "delitos", o cal impedirá aos sancionados optaren por cargos públicos ou de elección popular.
Así mesmo, tampouco poderá concorrer electoralmente quen promovese, instigase, solicitase, invocase, favorecese, apoiase ou participase na adopción ou "execución de accións armadas ou de forza e ataques cibernéticos" contra o país, as súas institucións ou autoridades, moitas delas sancionadas por outros países.
Ás persoas sinaladas por estas accións impoñeráselles a mesma condena e igual penalización económica, pagada con moeda local, bolívares, e coa taxa do euro como referencia, ao ser máis alta que a do dólar, usado de maneira regular no país.
Os medios de comunicación que difundan calquera tipo de mensaxe que promova sancións ou medidas que "afecten á República Bolivariana de Venezuela" tamén serán multados coa mesma cantidade e poderían ser castigados coa saída de circulación ou do espectro radioeléctrico, dependendo da plataforma de que se trate.
A lei considera crimes de lesa humanidade as sancións internacionais, despois de que o país recibise máis de 900 medidas deste tipo na última década, principalmente por parte dos Estados Unidos, segundo os datos do Goberno.
Este novo marco legal tamén define como "accións que poñen en risco a soberanía", o descoñecemento á lexitimidade dos poderes públicos ou o recoñecemento de investiduras a suxeitos que "simulen" representar o poder público, nun país que celebrou eleccións presidenciais en xullo, cuxo resultado oficial non é recoñecido por numerosos gobernos.
Ademais, créase un rexistro nacional de persoas baixo "presunción fundada" de incorreren en todas estas accións, que corren o risco de que os seus activos sexan conxelados, que se lles prohiba facer operacións de compra e venda ou, no caso de estranxeiros, de ser expulsados do país e sometidos a unha "extinción de dominio" para que o Estado os desposúa de bens no territorio nacional.