Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os sindicatos italianos cifran en máis do 70 % o apoio á folga xeral contra Meloni

Os sindicatos italianos cifran en máis do 70 % o apoio á folga xeral contra Meloni

A mobilización foi organizada para esixir cambios nos orzamentos, considerados insuficientes para resolver os problemas do país, con maior financiamento da sanidade, educación, servizos públicos e políticas industriais

Milleiros de persoas participaron en manifestacións por todo o país

G24.gal 29/11/2024 18:01

Os dous sindicatos italianos que convocaron este venres unha folga xeral contra os orzamentos de 2025 do Goberno de Giorgia Meloni cifraron o apoio da protesta en máis do 70 % dos traballadores, sobre todo nas fábricas.

A CGIL e a UIL, dous dos sindicatos maioritarios do país (o outro, a CISL, de tradición democristiá, non secundou a folga), celebraron nun comunicado conxunto a "adhesión altísima" da acción, de máis de 70 %, que chegou a paralizar plantas enteiras.

A folga fora proclamada durante oito horas en todos os sectores do país, aínda que no caso dos transportes foi limitada á metade, a catro horas, tras a intervención do Goberno.

A mobilización foi organizada para esixir cambios nos orzamentos, considerados insuficientes para resolver os problemas do país, con maior financiamento da sanidade, educación, servizos públicos e políticas industriais, ademais dun aumento do poder adquisitivo dos salarios e as pensións.

Os sindicatos aseguraron que o impacto no mundo da educación foi así mesmo "elevado", con "moitas escolas completamente pechadas nas maiores cidades italianas".

A xornada tamén estivo marcada por cuantiosas manifestacións en distintos puntos do país, un total de 43, que congregaron miles de persoas nas principais cidades.

"Esta foi unha xornada de mobilización como non se vía desde había tempo. Hoxe empeza un camiño de protestas para dar a volta a este país como a unha luva", advertiu desde Boloña (norte) o secretario da CGIL, Maurizio Landini.

O líder sindical asegurou que "máis de 500.000 persoas decidiron saír ás prazas de toda Italia para defender a liberdade e os dereitos", referíndose ás marchas cidadás.

A líder do Partido Demócrata (PD), Elly Schlein, líder da oposición, aplaudiu esta folga contra uns orzamentos que, dixo, "recortan en saúde pública e as escolas" e acusou a Meloni de "incumprir as súas promesas sobre as pensións" e de "non investir en futuro".

Schlein sinalou que tamén "é un momento para defender o dereito á folga, previsto pola Constitución" , despois de que o Goberno da ultradereitista Meloni recorrese á xustiza para limitar o paro nos transportes, ademais de criticar o Executivo porque "desde que tomou posesión non fixo máis que precarizar o traballo".

O secretario da UIL, Pierpaolo Bombardieri, antes da saída da manifestación en Nápoles (sur), celebrou que "hai miles de traballadores marchando" e que "o Goberno os debe escoitar".

"Creo que o Goberno, se ve como as 40 prazas en Italia se encheron, como ocorre hoxe, talvez debería facer unha reflexión. Non sobre Landini e Bombardieri, senón con respecto aos miles, decenas, centos de miles de persoas, que hoxe están nas rúas pedindo cambios", engadiu.

En Turín (norte), unha das cidades máis industriais do país, rexistráronse algúns disturbios que derivaron en fortes choques entre a Policía e os manifestantes, entre porrazos e patadas.

O ministro do Interior, Matteo Piantedosi, acusou destes feitos as persoas que protestaban, a "as mesmas bandeiras de sempre que se ondean en nome da paz e que se enfrontaron aos traballadores da Policía".

"Un clima pesado alimentado por faccións extremas organizadas co único obxectivo de atacar a quen traballa para garantir o dereito de manifestar as súas propias ideas", reprochou o ministro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade