Publicador de contidos
Publicador de contidos

A catedral de Notre Dame abre de novo as súas portas a todo o mundo

A catedral de Notre Dame abre de novo as súas portas a todo o mundo

O arcebispo de París consagrou o altar e celebrou a primeira misa 
 

140 bispos de Francia e do resto do mundo participaron nesta primeira misa
G24.gal 08/12/2024 14:04 Última actualización 08/12/2024 15:43

A reapertura da catedral de Notre Dame, realizada este sábado polo arcebispo de París, foi o primeiro paso na recuperación da normalidade despois de case seis anos de traballos para recuperar o templo arrasado polo lume en abril de 2019. Foron necesarios arredor de 700 millóns de euros, e a participación de máis de dous mil traballadores, para recuperar o esplendor dun dos monumentos máis simbólicos da capital de Francia.

O arcebispo de París estivo acompañado de 140 bispos de todo o mundo

A segunda parte dese proceso de volta á normalidade desenvólvese este domingo, coa imprescindible consagración do altar e a celebración da primeira misa desta nova etapa de Notre Dame, oficiada esta mañá polo arcebispo de París, coa axuda de 140 bispos franceses e do resto do mundo. A celebración relixiosa contou coa presenza, de novo, do presidente francés, Emmanuel Macron, e outras 2.500 persoas.

O acceso á restaurada Notre Dame seguirá sendo gratuíto

Despois deste domingo, Notre Dame comezará un proceso controlado de volta á normalidade do acceso a fieis e visitantes; haberá misas temáticas durante toda a semana que vén, ata que o luns, 16 de decembro, a catedral recupere a actividade habitual.

Notre Dame era, antes do incendio, o monumento máis visitado de Francia, con máis de catorce millóns de visitantes anuais. A partir de agora, as persoas que queiran visitar a catedral gótica de París terán que reservar vez a través da páxina web do templo. 

Aínda que as autoridades civís propuxeron o cobro dunha entrada de cinco euros por visitantes, polo momento o acceso á centenaria catedral de Notre Dame seguirá sendo gratuíto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade