O Alcorcón frea a serie de vitorias do Deportivo (3-1)
O Alcorcón frea a serie de vitorias do Deportivo (3-1)
Co 1-0 foi expulsado Mackay
Lucas Pérez empatou cun golazo de falta
E o Alcarcón resolveu con dous goles no treito final
O Deportivo non logrou nada positivo no compromiso de altura que tiña en Alcorcón. Derrota por tres a un, e a diferenza de puntos aumenta a sete despois deste resultado.
O equipo coruñés levou o primeiro susto no minuto dous, cando Chiki errou unha clara ocasión despois dun envío en profundidade que sorprendeu a trama defensiva dos de Óscar Cano. Nunha acción semellante chegaría a mellor opción galega no primeiro tempo.
Diego Villares non puido superar a Jesús Ruiz. Todo, nun encontro moi táctico que rompeu no minuto 38. Pablo García, logo dunha boa manobra dentro da área, lograba o primeiro gol. A acción desconcertou o Deportivo neses minutos antes do descanso. E os locais incluso puideron aumentar a renda nunha dobre oportunidade de Chiki e Álvaro Bustos. Mackay e Pablo Martínez foron providenciais.
Tras o paso polos vestiarios, o equipo coruñés intentou dar un paso adiante, pero a expulsión de Mackay, con media hora de encontro por diante, complicou a tarefa. Claro que con Lucas Pérez todo é posible. El forzou a falta de Babin, quen recibiu só cartón amarelo malia as protestas deportivistas, e el disparou maxistralmente para empatar o encontro no minuto 72. Todo un golazo que nese intre lle daba un punto moi importante aos branquiazuis.
Pero quedaba o máis difícil. Aguantar cun menos as acometidas locais. E, finalmente, un disparo de Berto desequilibrou o marcador no minuto 86. Aí acababa a resistencia dun Deportivo que apañaría un gol máis no engadido tras un penalti transformado por Dalmau.
Festa en Santo Domingo, e o Alcorcón suma xa 42 puntos. O Deportivo vai continuar na cuarta posición con 35.