O BNG esixe a paralización da mina de Touro e di que é "un atentado" medioambiental
Segundo Pontón, o proxecto actual “na práctica” é o mesmo que foi rexeitado hai uns anos, polo que é “un absurdo” que agora a Xunta si os apoie e mesmo favoreza a súa apertura ao declaralo como iniciativa estratéxica
O BNG volverá pedir no Parlamento que se paralice a reapertura desta explotación propia “da minería do século XIX” e insistiu en que, de feito, a súa apertura bordearía “o cumprimento da propia legalidade”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta que paralice o proxecto de reapertura da mina de Touro da empresa mineira Cobre San Rafael, que supón un "atentado contra o medioambiente e contra o modo de vida de miles de persoas". Así o reclamou a dirixente nacionalista nunha visita ao emprazamento da mina de Touro despois de que a Xunta declarase de interese estratéxico a pesar de que anteriormente emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental Desfavorable en 2020.
Segundo Pontón, o proxecto actual “na práctica” é o mesmo que foi rexeitado hai uns anos, polo que é “un absurdo” que agora a Xunta si os apoie e mesmo favoreza a súa apertura ao declaralo como iniciativa estratéxica. Tachou de escandaloso que a Xunta admita a trámite o mesmo proxecto que xa denegou anteriormente por razóns ambientais nun movemento no que “unha vez máis, vemos a un PP que, no canto de defender o interese xeral, defende os intereses dunha empresa para facer unha explotación colonial dos nosos recursos”.
Por iso, o BNG volverá pedir no Parlamento que se paralice a reapertura desta explotación propia “da minería do século XIX” e insistiu en que, de feito, a súa apertura bordearía “o cumprimento da propia legalidade”. A líder do Bloque lembrou que a posta en marcha desta mina, que estivo operativa entre 1973 e 1986, tería afectación sobre o medioambiente pero tamén na vida dos veciños da zona que terían que “soportar” as voaduras na mina, “co que iso significa para a calidade de vida das persoas”, para o benestar dos animais e mesmo para as estruturas das edificacións e vivendas.
Pontón tamén alertou da “ocupación de terras” para acoller unha presa de residuos mineiros “de máis 80 metros de altura e de máis de 3 quilómetros” que se situaría a só 200 metros dos núcleos de poboación. “Preguntaríalle ao señor Rueda se lle gustaría ter preto da súa casa eses residuos. Estou convencida de que non, igual que non os queren estes veciños porque isto evidentemente é unha ameaza”, resumiu a dirixente do Bloque.