Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Celta Fortuna cae contra o Sestao e o mal estado das Llanas (2-0)

O Celta Fortuna cae contra o Sestao e o mal estado das Llanas (2-0)

O equipo de Fredi volveu amosar peor versión lonxe de Balaídos

Decidiron dúas accións á contra que non souberon frear os vigueses

G24.gal 22/12/2024 14:28

O Celta Fortuna volveu ofrecer unha peor versión fóra da casa, desta volta nun castigado campo das Llanas, que lle impediu despregar o seu xogo e condenouno á derrota.

O partido comezou con alternativas, destacando Yoel no cruce para os celestes nos primeiros achegamentos dos locais, e gozando Angelito dunha das súas ocasións desde o vértice esquerdo que sacou Herrerín a córner. Pero á contra ía chegar o primeiro tanto, nunha acción en que os vigueses pediron fóra de xogo. Asier Córdoba entrou na área e bateu a Coke de disparo cruzado.

O gol sentoulles mal aos de Fredi, que buscaron a área rival pero concederon dúas accións moi claras no treito final do primeiro acto. A máis clara, nun remate de Gorka Garai desde o punto de penalti que marchou a córner por pouco. 

Na continuación, con Miguel Conde no campo por Óscar Marcos, comezou apertando outra vez o Sestao. Pero Coke desbaratou con seguridade os primeiros achegamentos. E, por parte do filial, foi Tincho o que tivo unha boa ocasión, pero Herrerín despexou a córner o seu remate cruzado. Pasaban os minutos e o estado do céspede empeoraba, co filial intentando crear xogo sen éxito. Johan Guedes tivo outra ocasión, pero rematou desviado.

E no minuto 88 o Sestao aproveitou a súa. Unha contra que Sergi García resolveu regateando a Vicente e marcando o 2-0 que xa ía ser definitivo. O Celta Fortuna segue ofrecendo unha versión moito máis pobre lonxe de Vigo, o que lle impide asaltar os postos de promoción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos