O Ourense CF perde no tempo engadido en Anoeta (2-1)
O Ourense CF perde no tempo engadido en Anoeta (2-1)
Marqueta mantivo aos seus no peor momento parando un penalti
Co empate a uns, decidiu unha xogada desafortunada no 93'
O Ourense pechou o ano cun partido que se lle escapou no tempo engadido, un dos puntos febles do equipo de Pablo López. Como acontecera en Zamora, encaixou no tempo engadido o que, desata volte, lle custou a derrota.
O Ourense CF saíu máis metido no partido, inclinando o campo cara á área da Real Sociedade B. Pero non creou ocasións de perigo, e quen ía golpear primeiro ía ser o conxunto donostiarra. Aos 11 minutos, aproveitaba o seu primeiro achegamento para marcar cun gran movemento de Rupérez na frontal, que atopou o espazo para rematar raso onde Marqueta non puido chegar.
O gol sentoulle mal ao conxunto ourensán, que recibiu outra labazada mediado o primeiro período. Un balón horizontal ao que non chegou Carmona, que acabou cometendo penalti. Aí emerxeu Marqueta, que lle detivo o lanzamento a Goti.
A acción do penalti sentoulles ben aos de Pablo López, que gozaron dunha boa ocasión para empatar no treito final nas botas de Hugo Sanz. O seu remate enviouno a córner Fraga.
Na segunda metade comezou achegándose a Real Sociedade B pero, á contra, chegou a gran oportunidade do Ourense CF. Unha contra de Carbonell que Goti cortou cometendo penalti sobre o dianteiro. Cesc Fullana non desaproveitou a ocasión, e igualaba desde os once metros.
Co paso dos minutos, e sen que o Sanse creara ocasións claras de perigo, máis aló dun remate no man a man que sacou Marqueta coa cabeza, chegouse ao tempo engadido, e aí resolveuse o encontro. No minuto 93, un remate de Eder García rebotaba nun defensor e acababa no fondo das redes. Un 2-1 que deixa ao Ourense CF no penúltimo posto antes do Nadal.