O Celta presentará recurso polas expulsións de Moriba e Iago Aspas
O Celta presentará recurso polas expulsións de Moriba e Iago Aspas
O colexiado non especificou ningún tipo de insulto de Iago Aspas na acta e os dous cartóns a Ilaix foron moi rigorosos
A ledicia da vitoria diante da Unión Deportiva As Palmas non esconde a indignación que hai no Real Club Celta polas expulsións en menos dun minuto de Ilaix Moriba e Iago Aspas. Na entidade celeste consideran inxustas as dúas decisións e presentarán recurso co obxectivo de que poidan estar diante do Real Madrid despois da parada de seleccións.
Iago Aspas recibiu dous cartóns amarelos polas protestas despois da expulsión de Ilaix. Na acta non queda especificado ningún tipo de insulto. Como moito, haberá un partido de sanción para o gran capitán, pero no Celta teñen a esperanza de que anulen unha das dúas amoestacións.
Tamén consideran probado que as entradas que lle custaron os cartóns a Moriba non tiveron a entidade suficiente para seren merecedoras da amoestación. Os Comités terán a última palabra.