Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Deportivo goza da festa en Riazor e Catro Camiños

O Deportivo goza da festa en Riazor e Catro Camiños

Os locais gañan comodamente a un Real Unión que non opuxo resistencia

G24.gal 25/05/2024 21:33 Última actualización 25/05/2024 22:23

Os de Imanol non se xogaban nada e, coa vista posta no partido do Castellón e na festa dese día, saíron cun once con varios xogadores habituais e moitas rotacións. O Real Unión demostraba por que se atopa na parte baixa da táboa sen ser quen de xerar perigo nos minutos iniciais. A ocasión máis clara sería para Lucas Pérez nunha chegada polo lado dereito da área rival. No saque de esquina posterior a esa ocasión Raúl Alcaina cazaría un rebote dun primeiro cabezado de José Ángel para cravar unha volea inapelable e poñer o primeiro. Un Riazor ateigado celebraba o golazo malia que non tivera maior repercusión. Nos seguintes intres o Deportivo seguiu dominando comodamente sen que o Real Unión presentase maior oposición. O máis destacado, unha falta de Iano cando xa fora superado polo extremo riva na que os visitantes reclamaban o segundo cartón amarelo, mais o colexiado non o decidiu así. 

A segunda metade tería mesmo máis facilidade para os coruñeses que a primeira. Os visitantes parecían non estar a xogarse nada e un Dépor practicamente ao ralentí acadaría o segundo cun exquisito golpeo de Salva Sevilla nunha falta na frontal. Máis adiante, Mella percorrería medio campo nun gran arrinque e cruzaría a pelota para poñer o terceiro na conta deportivista. Os visitantes marcarían o seu antes do final, cun cabezazo de Escobar tras un centro lateral.

O Deportivo pecha unha segunda volta practicamente perfecta e unha liga que o levou ao ascenso. A guinda do pastel, a final polo título da categoría ante o Castellón. Polo de agora, festa preparada na cidade da Coruña. 

A festa comezou no mesmo céspede de Riazor tras o partido. Os xogadores foron saíndo un a un, Mella cun pinchacarneiro, Lucas ovacionado, Idiakez tinguido de loiro. Imaxes que volven deixar claro a unión entre o Deportivo e os seus afeccionados.

E, despois, a tolemia en Catro Camiños. Alí chegou o plantel preto da medianoite. Os futbolistas, vestidos de piña, o símbolo da temporada, foron recibidos un por un. Entre os máis aclamados, o capitán, Lucas Pérez, e o técnico Imanol Idiákez. A festa estaba servida ata altas horas da madrugada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos