O Ensino perde despois de tres vitorias malia facer unha gran remonta
Derrotas galegas na Liga Feminina de baloncesto, en que o Celta segue ocupando postos de descenso
O Ensino e o Celta caeron nos partidos da xornada 24 da Liga Feminina de baloncesto. O equipo do Durán Maquinaria Ensino non puido darlle continuidade á súa gran serie de tres vitorias consecutivas e perdeu no Pazo diante do Gernika (69-72). O partido comezou moi ben para o cadro lugués (27-19) grazas á grande actuación de Howard. Ao descanso gañaba o Ensino por 44-35, pero no segundo tempo cambiou a dinámica dun xeito radical. O Gernika remontou e conseguiu irse ata de sete puntos nos últimos cuarto (54-61). Parecía todo perdido, pero un parcial de 7-0 permitiulle coller o mando do encontro a minuto e medio do final (67-66). Neses intres o Gernika estivo máis atinado e levou o triunfo.
O Celta Femxa Zorka caeu con moita claridade na pista do Jairis (90-64) e segue no penúltimo posto da clasificación. O parcial inicial (31-17) marcou un partido no que o equipo de Cristina Cantero concedeu moitas facilidades en defensa. A diferenza era de 27 puntos no descanso (53-26) e o segundo tempo sobrou. Agora toca centrarse nos vindeiros compromisos porque só quedan seis partidos para o final do campionato e o Celta leva catro derrotas seguidas que o afundiron no descenso.