O Goberno enviará unha nova proposta á Xunta para o traspaso de competencias de litoral
O Goberno enviará unha nova proposta á Xunta para o traspaso de competencias de litoral
O Executivo retira a esixencia dun informe vinculante do Estado cada vez que a Administración galega pretenda outorgar unha concesión para obras
A Xunta anunciou este xoves que o Goberno central enviará unha nova proposta a Galicia para o traspaso de competencias na que incluirá as funcións, servizos e medios necesarios para asumir a xestión completa do litoral e as demandas galegas neste sentido.
Así o avanzou a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nun comunicado, tras a reunión telemática entre a secretaria xeral técnica do departamento autonómico, Carmen Bouso, e a directora xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, Isabel Concheiro, co director xeral de Cooperación Autonómica e Local do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, Rafael Brief.
Desde o departamento de Medio Ambiente da Xunta celebran que o Goberno central admita as consideracións propostas pola Administración autonómica ao borrador de acordo remitido a Galicia o pasado mes de outubro sobre esta cuestión.
Segundo informa a Xunta, o Goberno central retira a esixencia dun informe vinculante do Estado cada vez que a Administración galega pretenda outorgar unha concesión para obras ou instalacións non desmontables no dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
Para o Executivo galego este requisito supoñería “unha clara inxerencia estatal sobre as competencias autonómicas” e cren que este paso do Goberno de retiralo tamén beneficiará o resto das comunidades autónomas con costa.
A maiores, segundo apuntan, o representante estatal comprometeuse a enviar axiña un novo borrador adaptado ao escenario aberto tras a aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) e a sentenza do Tribunal Constitucional que avalou a súa lexitimidade para ultimar o traspaso efectivo das funcións, servizos e medios de xestión do litoral.
Con todo, as responsables autonómicas reclamaron que a Comisión Mixta de Transferencias se celebre canto antes a fin de “concretar e cuantificar este traspaso” porque é un paso fundamental para poder seguir co desenvolvemento da lei galega.
Lembran ademais que a Xunta está lista para asumir directamente todas as súas competencias neste ámbito en canto reciba o traspaso formal dos medios precisos.