Publicador de contidos

Publicador de contidos

Macron reunirá este luns sete líderes europeos, entre eles Sánchez, nun cumio de seguridade centrado en Ucraína

Macron reunirá este luns sete líderes europeos, entre eles Sánchez, nun cumio de seguridade centrado en Ucraína

Ademais do anfitrión, Francia, estarán presentes xefes de Estado e de Goberno de Alemaña, o Reino Unido, Italia, Polonia, España, os Países Baixos e Dinamarca

Os Estados Unidos, Rusia e Ucraína envían delegacións a Arabia Saudita para unha posible negociación

Zelenski considera "posible o éxito" nas negociacións de paz impulsadas polos EUA

A situación da Ucraína centrará a xuntanza dos líderes europeos (Europa Press-Arquivo)
G24.gal 16/02/2025 13:42

O presidente francés, Emmanuel Macron, reunirá este luns en París outros sete líderes europeos, entre eles o xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, nun cume sobre a seguridade en Europa e a guerra na Ucraína

Nun comunicado, o Elisio confirmou que tamén estarán presentes o presidente do Consello Europeo, António Costa; a da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, e o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte.

Ademais do anfitrión, Francia, estarán presentes xefes de Estado e de Goberno de Alemaña, o Reino Unido, Italia, Polonia, España, os Países Baixos e Dinamarca.

Macron busca con esta reunión "iniciar un período de consultas entre os líderes europeos sobre a situación en Ucraína e sobre cuestións de seguridade europea, que poderían continuar pouco despois noutros formatos, co obxectivo de achegar posturas entre todos os socios interesados na paz e a seguridade en Europa", segundo informou a Europa Press un portavoz comunitario.

O ministro de Exteriores francés, Jean-Nöel Barrot, confirmara a primeira hora deste domingo a celebración dunha reunión este luns en París de líderes dos "principais países europeos" para tratar a situación de seguridade en Europa tras o primeiro contacto coa nova Administración estadounidense durante a última Conferencia de Seguridade de Múnic, coa guerra de Ucraína como tema principal.

Molestos e preocupados pola postura de Trump

Os movementos da administración Trump fan que Europa se mova con máis rapidez da habitual para non quedar postergada. Nos últimos días mesmo se chegou a falar de traizón polo interese exclusivista de Trump para negociar con Putin sen a Unión Europea. 

Esta reunión de mandatarios europeos chega cando a Administración do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, tivo numerosos xestos en relación á guerra en Ucraína que incomodaron e preocuparon os europeos.

Trump deu a entender que unha eventual paz pasa, en primeiro lugar, por un acordo entre el e o presidente ruso, Vladimir Putin, deixando nun segundo plano o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e descartando da mesa de negociacións a UE. 

O xeneral e representante da Casa Branca para o conflito ucraíno, Keith Kellogg, reiterou esta fin de semana en Múnic que os dirixentes europeos non estarán presentes nas negociacións con Rusia, aínda que os convidou a que presenten propostas concretas para a paz.

Ademais, desde o Kremlin volveron ofrecerlle nas últimas horas a Trump que visite Rusia cando queira.

Os Estados Unidos, Rusia e Ucraína envían delegacións a Arabia Saudita para unha posible negociación

Tamén este domingo coñeceuse que os Estados Unidos, Rusia e Ucraína enviarán delegacións a Arabia Saudita nun momento de crecente especulación sobre posibles negociacións entre Washington e Moscova para poñer fin á guerra en Ucraína.

O enviado especial de EUA para Oriente Medio, Steve Witkoff, confirmou este domingo que unha delegación estadounidense viaxará nas próximas horas ao reino para reunirse con funcionarios rusos no marco de contactos orientados a buscar unha saída ao conflito.

Ao mesmo tempo, unha delegación ucraína tamén estará presente no país, aínda que non está claro se participará nas conversacións.

Nunha entrevista este domingo coa cadea Fox, Witkoff revelou que a delegación estadounidense estará integrada por el mesmo e polo asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Mike Waltz, e explicou que teñen previsto viaxar esta mesma noite.

"Partiremos esta noite. Viaxarei co asesor de Seguridade Nacional e manteremos reunións por encargo do presidente. Esperamos lograr avances significativos en relación con Rusia e Ucraína", declarou.

Witkoff tamén dixo que "cría" que Ucraína formaría parte das negociacións coa delegación rusa. "Non creo que se trate de excluír a ninguén", afirmou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade