Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Leyma Coruña non pode dar a sorpresa en Madrid (90-74) e segue de último

O Leyma Coruña non pode dar a sorpresa en Madrid (90-74) e segue de último

Os coruñeses sempre foron por detrás, pero protagonizaron parciais que os meteron no partido

Foto: EFE
G24.gal 26/01/2025 18:45

O Leyma non puido sorpender ao Real Madrid, como fixera na estrea no Coliseum, e sumou unha nova derrota, que o mantén na última praza da Liga ACB. O equipo madridista saíu moi atinado, especialmente desde o perímetro, cun 4/4 en triplas que elevou a vantaxe inicial ao 19-4. No equipo coruñés acontecía todo o contrario, cun 0/5 inicial nas triplas, ata que atinou Aleix Font. Ao remate do primeiro cuarto chegábase con vantaxe local de 17 (29-12).

O panorama non mudou no segundo cuarto, cun equipo coruñés lastrado na porcentaxe anotadora, agora tamén nos tiros de 2. A renda local chegou ata os 23 puntos, pero un parcial de 0-7 grazas a Scrubb e Thompkins deixaba o resultado ao descanso nun 46-30 que mantiña as opcións dos galegos.

A segunda metade comezou cun parcial de 4-0 para o Real Madrid, pero o Leyma mantivo a partir de aí o ritmo anotador dos brancos para manter a desvantaxe arredor dos 20 puntos. Pero os minutos pasaban e os de Epifanio non se daban achegado no marcador; rematou ese terceiro cuarto cun 69-51 que deixaba a misión case imposible.

Pero o último comezou como rematara o anterior, cunha tripla, desta volta de Scrubb, para colocar o Leyma a 15 puntos. Dúas triplas consecutivas de Thmpkins deixaban o parcial en 2-14, e o marcador en 71-60, que obrigaba os locais a pediren tempo. Os de Chus Mateo reaccionaron cun parcial de 10-0 que devolveu a vantaxe ata os 20 puntos (81-61).

Os últimos minutos rexistraron un intercambio de anotacións que xa non mudou a decoración. Ao final, 90-74 a prol dos brancos, con 18 puntos de Ibaka e 15 de Campazzo comandando a anotación. No Leyma anotaron 14 Jakovics, 13 Thompkins e 11 Scrubb.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar