Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sacrifican máis de 700 animais en seis meses de funcionamento do matadoiro móbil

Sacrifican máis de 700 animais en seis meses de funcionamento do matadoiro móbil

Esperta o interese doutras comunidades autónomas e de Portugal

G24.gal 22/08/2024 14:14

Dez da mañá e o matadoiro móbil chega puntual á súa cita nunha explotación de porco celta de Castro de Rei. Os que demandan este servizo atopan nel unha maneira de reducir custos e unha mellora para o benestar dos animais.

"Hai cinco minutos o animal estaba na leira, no seu hábitat normal, e agora está xa no matadoiro. Evítalle moito estrés e a nós evítanos o transporte polo que nos evita un gasto máis", relata José Vega, que ten unha explotación de porco celta.

Está habilitado para ovellas, cabras e porcos e no seu interior, tras as inspeccións dos animais por parte dun veterinario, realizan todo o proceso do sacrificio.

"Unha vez que atordan o animal sángrase e despois pasa a unha escaldadora onde se elimina o pelo e despois pasa ao apartado de evisceración", explica José Poyo, técnico responsable do servizo de matadoiro móbil.

En pouco máis de seis meses sacrificáronse aquí máis de 700 animais, as cifras avalan a súa gran demanda no rural galego, pero esta iniciativa pioneira tamén está tendo moita repercusión fóra das nosas fronteiras.

"En setembro van vir visitarnos unha delegación das Canarias e das Baleares. Quere vir tamén xente de Estremadura, Castela e León e Portugal e seica en Cantabria xa teñen encargada unha unidade", conta o director xeral de Gandaría, José Balseiros.

Con prezos competitivos que van dos 10 ata os 50 euros por animal, achegan este servizo a pequenos e medianos gandeiros do noso rural onde a gandería segue a ser un piar fundamental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos