O Obradoiro gaña o derbi do Pazo (88-90) e colle aire coa sexta vitoria
O Obradoiro gaña o derbi do Pazo (88-90) e colle aire coa sexta vitoria
Desde a vantaxe inicial de dez puntos, o Obradoiro levou a iniciativa gran parte do partido
O Breogán mantívose no partido ata a última posesión
O Obradoiro acadou unha importante vitoria no Pazo, a segunda lonxe do Sar, para colocar unha maior distancia co descenso, que marca o Breogán logo do derbi. Entrou mellor ao partido o equipo santiagués, que gozou das primeiras vantaxes no marcador. A renda foi subindo ata chegar aos dez puntos, con tres tiros libres anotados por Scrubb (13-23) . Quedaban tres minutos do primeiro cuarto e reaccionou aí o Breogán, que culminaba a remonta cunha canastra de Fernández, a primeira do segundo cuarto (24-23).
Comezaba un novo partido en que o Breogán era mellor no rebote, pero o Obradoiro seguía anotando. A renda volveu subir ata os cinco puntos cunha canastra de Tinkle, e ata os dez a menos de dous para o descanso. Pero o Breogán volveu apertar e, con dous tiros libres de Érik Quintela e unha canastra de Fernández, deixaba a diferenza en seis ao descanso (40-46).
O Obradoiro volveu enganchar un parcial de inicio para acadar a máxima vantaxe (40-52) á volta dos vestiarios. Pero o Breogán nunca marchou do partido. Momirov, Anderson e Sergi Quintela asumiron a responsabilidade anotadora neses minutos para ir reducindo a diferenza. Entre os tres culminaron a remontada, uns tiros libres de Quintela establecían o 64-63.
No último cuarto, a igualdade foi máxima, con empates constantes no marcador que levaron o partido aos últimos catro minutos. Foi aí cando apareceu Howard, cun 2+1 impresionante, para adiantar o Obradoiro por catro puntos. Pero, xusto a seguir, Pustovyi cometía a quinta falta e deixaba o partido logo de anotar 14 puntos. Howard convertíase no principal argumento anotador do Obradoiro para aumentar a vantaxe a seis, pero Momirov e Sergi Quintela mantiñan aos seus con opcións. Blazevic erraba dous tiros libres e, cunha xogada interminable culminada por Polite, o partido entraba nos últimos 30 segundos cun punto de vantaxe para Obradoiro (84-85).
E, despois do tempo morto, o equipo santiagués esgotou a posesión e anotou unha gran canastra de Zurbriggen, que obrigaba á tripla local. Quedaban sete segundos e Scrubb roubou o saque lateral do Breogán asegurando o triunfo visitante.