O PPdeG acusa o Goberno de "escusarse en mentiras" para non transferir a AP-9
O PPdeG acusa o Goberno de "escusarse en mentiras" para non transferir a AP-9
Denuncia a falta de compromiso do Goberno coas infraestruturas para Galicia
O Partido Popular de Galicia acusa o Goberno de mentir sobre a transferencia da autoestrada AP-9 á nosa comunidade.
O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez asegurou que o Goberno "se escuda en mentiras" para rexeitar a transferencia da AP-9 a Galicia.
Asegura que é "posible" atopar unha solución pero para iso necesítase vontade política, indica o PP galego nun comunicado, no que insiste en que "a transferencia da autoestrada e o avance da consecución da súa gratuidade constitúen un asunto vital".
"Noutros países europeos con autoestradas en situación similar á da AP-9, no que se refire ao rescate ou á supresión das peaxes si foron capaces de atopar solucións", asegura Vázquez, que cita exemplos en Italia, Hungría, Francia e Portugal.
Os populares denuncian que o Executivo non está comprometido coa mellora das infraestructuras estatais en Galicia e que non teñen vontade política.
Vázquez visitou un tramo da AP-9 esta semana canda a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen sinalou que esta autoestrada non sería tan necesaria se o Goberno "se puxese as pilas co caos ferroviario".
A secretaria xeral do PP en Galicia di que a relación entre Galicia e o AVE segue dando pasos cara atrás pola falta de interese do Goberno por priorizar o AVE entre Vigo e Porto.