Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente das confrarías españolas tacha de "oportunidade perdida" o cumio de Vigo

O presidente das confrarías españolas tacha de "oportunidade perdida" o cumio de Vigo

Basilio Otero considera máis urxente abordar outros problemas que "exclusivamente a descarbonización"

Apoia a proposta do Goberno español de establecer cotas plurianuais de capturas para algunhas especies

G24.gal 16/07/2023 12:00 Última actualización 16/07/2023 12:45

Na véspera de que Vigo acolla unha reunión informal dos ministros de Pesca da Unión Europea  -no marco da presidencia española do Consello da UE-, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, o galego Basilio Otero, fala de "oportunidade perdida" por se dedicar "única e exclusivamente á descarbonización". 

Na xuntanza, que se desenvolverá no auditorio Mar de Vigo, abordaranse as medidas que se van adoptar para cumprir co Pacto Verde Europeo. O reto é deixar de producir emisións de gases de efecto invernadoiro en 2050, así é que os 27 tratarán de definir unha estratexia común que guíe a transición enerxética desta industria.

En declaracións á Radio Galega, Otero asegura que o sector leva anos traballando na  descarbonización e que a pegada de carbono é "mínima". Explica que isto, en parte, débese á redución da frota que se produciu en España dende a entrada na CEE en 1986 e ata hoxe.

Otero considera que dedicar este consello informal á descarbonización é "unha oportunidade perdida" porque considera que hai outros problemas máis urxentes e cita -entre outros -a "recente lei de restauración da natureza" ou "os espazos mariños vulnerables". 

"É unha oportunidade perdida. Co montón de problemas que hai na pesca e co montón de vicisitudes nos mares europeos facer un consello de ministros única e exclusivamente sobre descarbonización".

Basilio Otero asegura que o sector está cada vez máis comprometido coa defensa do ambiente. A frota  avanza, di, na instalación de placas solares para a recarga  de baterías e para a alimentación de focos.

Denuncia, pola contra, que Europa importa o 70 % dos produtos pesqueiros que consome de terceiros países que non sempre cumpren, apunta, coas mesmas esixencias ambientais, sociais e económicas. Por iso considera que a Unión Europea debería "mirar" pola competencia desleal destes terceiros países e os prexuízos sociais e ambientais que provocan. 

Así mesmo, Otero apoia a proposta de España de que neste semestre en que presidirá o Consello da Unión Europea se concreten as taxas plurianuais da capturas para algunhas especies. Unha medida que -argumenta- daría maior seguridade xurídica e económica ás empresas e axudaría a planificar mellor o sector. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade