O Rácing constrúe os alicerces desde a defensa (0-0)
O Rácing constrúe os alicerces desde a defensa (0-0)
Segundo empate consecutivo sen goles do equipo de Cristóbal Parralo, que sacou un punto do campo do Cádiz
As casas comezan a construírse desde os cimentos. O Rácing está a conseguir unha gran solidez defensiva e por segunda xornada consecutiva mantivo a súa portería a cero e fíxoo nun campo tan esixente como é o Mirandilla de Cádiz diante dun equipo que acaba de descender de Primeira e que ten como obxectivo o regreso á máxima categoría.
No primeiro tempo presionou o conxunto cadista con achegamentos de Escalante e Chris Ramos. O Rácing tivo que adaptarse pola lesión do lateral Brais, un dos xogadores máis sólidos no que levamos de temporada. No seu lugar entrou Moisés Delgado. Co paso dos minutos o Rácing apareceu en ataque e mesmo ameazou con algún achegamento a balón parado.
Na segunda metade o Rácing medrou coa posesión do coiro e comezou a asexar a porta local. Moitos lanzamentos pero con escaso acerto. A outra asignatura pendente dos de Parralo é o ataque. Non marcan desde que a primeira xornada Jáuregi fixera un dobrete. Empate sen goles que pode ser positivo sempre e cando se acompañe dunha vitoria a vindeira xornada.