O Rácing Vilalbés sorprende en Vilagarcía e xogará polo ascenso á 2ª RFEF
O Rácing Vilalbés sorprende en Vilagarcía e xogará polo ascenso á 2ª RFEF
Gañou por 1-2 con goles de Pablo Rey e Jose Varela
O Rácing Vilalbés será o representante galego na terceira e definitiva eliminatoria de ascenso á 2ª RFEF. Sorprendeu ao Arousa por 1-2 ao igual que fixera hai quince días no campo do Rápido de Bouzas.
Tiña certa vantaxe o Arousa logo do empate na ida (1-1) pero aos tres minutos Pablo Rey conseguiu adiantar o Rácing. Xogaron os chairegos moi bos primeiros vinte minutos pero co paso do tempo o Arousa foise facendo dono do partido. Nesa primeira metade anuláronse dous goles, a Álex Pérez e a Sylla.
Na segunda parte os de Luisito saíron a por todas. Xeraron moitas ocasións nos primeiros quince minutos, intre no que Pacheco empataba. Reaccionou o Rácing coa entrada de Gegunde e Jose Varela, xogadores que cambiaron o partido. Varela avisou no 65 e marcou o definitivo 1-2 no 74. Xa non habería reacción local. Triunfo dun Vilalbés que pode conseguir a meirande fazaña da súa historia na vindeira eliminatoria.