O Reino Unido á cabeza en número de positivos de covid
Avance imparable da variante ómicron por Europa.
Volve a obriga de poñer máscara, presentar certificado de vacinación e a volta ao teletraballo

Aumenta a preocupación no Reino Unido ante o avance dos contaxios de covid. De feito, o país xa está á cabeza en número de casos positivos, entre eles, máis de 400 confirmados da variante ómicron.
Os datos da Axencia de Seguridade Sanitaria do Reino Unido indican que cada persoa infectada con esta variante contaxia de media outras catro o que confirmaría que a ómicron se propaga moito máis rápido que a delta.
Para intentar controlala, o Goberno británico acaba de aprobar novas restricións: recomendan volver ao teletraballo de ser posible, levar a máscara obrigatoriamente nos lugares públicos pechados e cumprirá o certificado de vacinación para entrar en clubs nocturnos ou espectáculos masivos.
A tensión política medra tamén para Boris Johnson despois da celebración dunha polémica festa de Nadal en Downing Street, burlando as restricións impostas aos cidadáns.