Acompañantes dos líderes mundiais presentes no cumio da OTAN visitaron o Teatro Real
Acompañantes dos líderes mundiais presentes no cumio da OTAN visitaron o Teatro Real
Segue tamén a axenda cultural programada para os acompañantes dos líderes mundiais que participan no cumio. Da man da raíña Letizia desfrutaron no Teatro Real dun ensaio da ópera Nabucco e dunha actuación do cantador Kike Morente.
O Teatro Real é o broche de ouro que pon fin á programación paralela ao cumio deseñada para entreter os acompañantes dos líderes mundiais. Tamén para ser un escaparate da riqueza cultural e gastronómica de España. Non só sol e praias.
Así mesmo o recoñece a primeira dama estadounidense, que agradece nun chío á raíña que lles mostrase a beleza de España. Jill Biden, que leva en Madrid dende o domingo, abandonou hoxe o país.
Un día máis a raíña Letizia exerceu de anfitrioa guiando os visitantes por unha institución que coñece moi ben, tanto pola súa actividade pública coma privada.
Primeiras damas, primeiros cabaleiros e acompañantes asistiron a un ensaio da ópera Nabucco de Verdi, que estará en cartel a partir do día 5. Visitaron os talleres de confección de vestiario e desfrutaron dunha interpretación sobre o escenario do cantador Kike Morente.
Tamén a gastronomía estivo presente esta última xornada cun almorzo saudable baseado na dieta mediterránea con produtos nacionais de temporada e cunha cata de aceites de oliva virxe.
Un programa de actividades que os levou en AVE ata Segovia para visitar a Granxa de San Ildefonso, onde desfrutaron con atención dunha exhibición de vidro soprado e visita a dúas das principais pinacotecas do mundo: o Museo Raíña Sofía, onde se fotografaron ante o Guernica e despois xantaron, para finalizar o día no Museo do Prado entre obras de Velázquez, Goya, Tiziano ou Rubens.