Un asalto violento en Lobios, orixe da investigación que deu na detención de catro persoas
Os arrestados en Xinzo e Ourense están a espera de pasar a disposición xudicial
Están a espera de pasar a disposición xudicial catro homes detidos nunha operación en Xinzo de Limia e Ourense contra a suposta banda criminal autora dun violento asalto.
A investigación iniciouse a raíz do asalto a unha vivenda de Vilameá, en Lobios, o 20 de xaneiro. Ataron un construtor, golpeárono e roubáronlle cartos e xoias. Tivo que ser hospitalizado en estado grave. Hoxe, en conversa telefónica, a familia da vítima di estar máis tranquila despois de que detiveran os presuntos autores deste violento asalto e agradece o traballo da Garda Civil.
Ao estar baixo segredo de sumario, apenas transcende información oficial. Si se sabe que nesta operación dirixida polo xulgado de Bande detiveron 4 persoas que permanecen no cuartel á espera de pasaren a disposición xudicial. Ao home arrestado na rúa Sáenz Díaz de Ourense, que rexenta un pub, atopáronlle tamén indicios dun presunto delito de tráfico de drogas.
Sorpresa tamén en Xinzo, onde foron detidos os outros membros da presunta banda criminal desarticulada. Nesta casa efectuaron rexistros durante máis de dúas horas ao igual que noutra da rúa Dous de Maio e noutras vivendas de Ourense.
A operación segue aberta e non se desbota que os arrestados estean relacionados con outros feitos delitivos e que haxa máis xente implicada.