Pedro Sánchez rexeita as eleccións anticipadas e o PP insiste en que son necesarias
Pedro Sánchez rexeita as eleccións anticipadas e o PP insiste en que son necesarias
O líder das socialistas di que estaría ben que o PP recoñecese antes o resultado dos comicios xerais anteriores para non tachar o Goberno de "ilexítimo"
No PP insisten en reclamar unha convocatoria electoral urxente, porque entenden que non se pode permitir "unha desvergoña máis do Goberno"
Pedro Sánchez estivo esta mañá en Barcelona, onde dixo que o seu obxectivo é "rescatar Cataluña da crispación e da confrontación" e apostar pola convivencia, mesmo coa incomprensión de dereita e da extrema dereita. Sobre o pedimento de eleccións anticipadas aludiu a que neste caso Núñez Feijóo fai o que xa fixo Casado:
"Estaría ben que empezaran antes de pedir eleccións, que as haberá cando toca, a finais de 2023, por recoñecer o resultado das anteriores. Non vaia ser que cando volvan perder as eleccións en 2023 nos vaia ocorrer o mesmo e que non recoñezan os resultados e volvan tachar o Goberno de ilexítimo".
No PP, o seu vicesecretario de Política Autonómica Pedro Rollán tamén reclamou eleccións anticipadas. Explica que Sánchez está a seguir a folla de ruta marcada polos independentistas e que prepara o asalto ao Tribunal Constitucional, asuntos eses que non ían —di— no programa electoral do PSOE:
"É necesario de maneira urxente, de maneira inmediata, que Pedro Sánchez se someta ao escrutinio das urnas para ver se os españois apoian esta folla de ruta, que todo parece indicar que nun futuro non tan afastado podería pasar por un referendo no sentido de ver cal sería a relación con Cataluña".