Quiles regresa con gol pero perderá a fase de ascenso por lesión
Quiles regresa con gol pero perderá a fase de ascenso por lesión
Empate en Pasarón (1-1) no que marcaron Abelenda e o dianteiro andaluz
Nun mal xesto Quiles torceu o xeonllo e non volverá a xogar esta temporada
Charles recibiu unha homenaxe no seu último partido
Alberto Quiles foi o nome propio do partido entre o Pontevedra e o Deportivo. Entrou no último partido da liga regular cunha máscara, marcou o gol do empate no 85' e tivo que marchar mancado cun problema no xeonllo despois de pisar dun xeito moi aparatoso.
Pouco había en xogo porque nos primeiros minutos xa se coñecía o gol do Real Madrid Castela co que o Deportivo quedaba sen opcións de rematar na terceira posición. O interese centrouse no debutante como titular Mella que tivo un lanzamento ao poste na primeira metade.
No Pontevedra todos os ollos estaban postos en Charles que xogaba o seu último partido oficial. Non puido marcar pero despediuse ao grande, con todo o público aplaudindo o que foi un dos seus referentes nas dúas últimas décadas. Brais Abelenda honrou a Charles marcando un golazo ao pouco de comezar a segunda parte.
Logo chegou o momento de Quiles, cun tiro ao poste, un gol e unha lesión pola que se perderá toda a fase de ascenso. O Deportivo confirmou que sofre unha "distensión da cápsula posterior cunha contusión ósea na meseta tibial" sen ter afectados os ligamentos.