Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Rácing pon fin á xeira sen perder do Deportivo (2-1)

O Rácing pon fin á xeira sen perder do Deportivo (2-1)

O primeiro gol, logo dunha revisión do VAR, resultou determinante na sorte do partido

O cadro de Gilsanz levaba sen perder desde o 16 de febreiro, cando caera diante do Eldense

G24.gal 27/04/2025 17:26 Última actualización 27/04/2025 18:04

Despois de nove xornadas, o Deportivo volveu perder (2-1). Foi no campo do Sardinero nun encontro marcado por unha discutible decisión do colexiado no gol inicial. 

A polémica acompañou o partido desde o primeiro intre. Aos sete minutos Javi Castro marcaba un gol á saída dun córner. O colexiado, Orellana Cid, anulouno por unha falta anterior de Pablo Rodríguez sobre Helton pero unha vez revisada no VAR deu validez ao tanto.

Iso alporizou os ánimos dun Deportivo que estivo ausente do partido durante moitos minutos. Só no treito final do primeiro tempo cun remate de Villares e un disparo de Yeremay desde a frontal xerou oportunidades. Parecía que se ía chegar así ao descanso ata que Karrikaburu acertou nunha rápida acción de contragolpe xusto antes do asubío do descanso. 

O Rácing concedeulle a iniciativa ao Deportivo no segundo tempo. Yeremay estivo a piques de marcar despois dunha boa xogada individual e José Ángel avisou cun lanzamento de falta. Gilsanz meteu a Hugo Rama e Eddahchouri no campo buscando máis presenza en ataque. O dianteiro deu maior dinamismo e xerou unha oportunidade que rematou con gol de Yeremay, anulado por fóra de xogo no 78. E só dous minutos despois desperdiciou o neerlandés un man a man diante do porteiro santanderino. 

A insistencia deu como froito o gol, marcado por Genreau no minuto 86 cun gran remate. O Deportivo emborcouse e acabou caendo e perdendo a ao propio Genreau no último minuto do engadido logo de ser expulsado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade