Complícanse as opcións de permanencia do Noia e o Burela na Liga de Fútbol Sala
O Ribera Navarra gañou e superou aos dous equipos galegos na clasificación
O Noia meteuse en descenso e o Burela queda só dous puntos por riba da queima
A tres xornadas para o final complícanse as opcións de permanencia do Noia Portus Apostoli e do Burela. O triunfo do Ribera Navarra fixo que superase aos dous equipos galegos. O Noia baixou ao posto de descenso e o Burela só está dous puntos por riba do perigo.
O Noia xogaba na pista do Valdepeñas e non puido traer nada positivo (4-1). Carrasco ao final da primeira metade e Pol Pacheco ao comezo da segunda encamiñaron o triunfo local. Un gol en propia porta deulle opcións ao Noia que arriscou e acabou recibindo dous goles no último minuto.
O Burela tiña o triunfo na man diante do descendido Zaragoza. Adiantouse o equipo maño cun 0-2. O Burela reaccionou e remontou a partir do minuto 28 con goles de Pitero, Charly e Carlos García en propia porta. No medio do delirio da afección chegou o gol de Nando Torres nos últimos segundos para poñer un 3-3 que deixa o Burela no límite.