Rial gáñalle a partida ao mestre Valladares nunha vitoria decisiva do Burela (5-2)
O equipo da Mariña mete catro puntos de distancia sobre o descenso grazas ao triunfo sobre o líder Peñíscola
O Burela Fútbol Sala logrou diante do Peñíscola unha vitoria decisiva nun partido no que poucos contaban coa posibilidade do triunfo (5-2). Foi un partido moi especial para o adestrador laranxa David Rial que se enfrontaba diante do que foi o seu mestre no Santiago Fustal, Santi Valladares, o día no que cumpría cen encontros á fronte do Burela.
O partido comezou do peor xeito, cun gol da ala visitante Juan José. Reaccionou ben o Burela que empatou antes do descanso cun gol de Charly. No segundo tempo o equipo burelao estivo sensacional, cunha gran defensa despois do tanto que lle permitía ter a iniciativa marcado por Bernardo Araya. Nos últimos minutos, co Peñíscola á desesperada, chegaron os goles de Rikelme e Charly. Recurtou diferenzas Pablo Muñoz e sentenciou Pitero.
Despois dunha serie de tres derrotas seguidas, o Burela volve sacarlle catro puntos de diferenza ao Ribera Navarra, equipo que marca os postos de descenso. A cinco xornadas para o final non é unha renda definitiva pero permítelle ter un respiro moi importante.