Ignacio Rivera: "O proxecto do Rácing non é para estar no inferno da 1ª RFEF"
"O máis importante é a ilusión e o traballo e non perdín o apetito", asegurou o presidente do Grupo Élite, máximo accionista do club, nos micrófonos de Ao contraataque, na Radio Galega
O presidente do Grupo Élite, máximo accionista do Rácing de Ferrol, pasou polos micrófonos do programa deportivo da Radio Galega Ao Contraataque. Nel amosouse triste pola situación deportiva do club pero esperanzado para o futuro. "Ponme a adversidade", comentou Rivera.
"O máis importante é a ilusión e o traballo e non perdín o apetito. O proxecto é moi novo, queda moito que dicir" comentou de xeito claro subliñando a implicación do seu grupo no proxecto malia o posible descenso de categoría.
"Pídolle aos afeccionados que non abandonen. Temos un proxecto que non é para estar no inferno da 1ª RFEF pero hai que saír de aí con cabeza e sen presión", asegurou Ignacio Rivera de cara á vindeira temporada.
Cando chegaron atoparon un club cunhas infraestruturas precarias para o fútbol profesional. Desde o campo ata a falta de campos para adestrar. Coa compra dos terreos para facer a cidade deportiva o club entende que dá un paso moi importantes para a súa consolidación. "Estamos encantados con que a cidade deportiva esté finalmente en Ferrol" asegurou o empresario que confesou que lle doeu moito cando os chamaron "xente de fóra".
Tamén indicou que a compra do Tondela, equipo que pode ascender á Primeira División portuguesa xunto co Rácing de Ferrol poden converter o Grupo Élite nun dos grupos máis importantes a nivel deportivo da Península Ibérica e tentarán que esas sinerxías de xogadores axuden a que o Rácing medre nun futuro próximo.