O Noia Portus Apostoli conquista a copa Galicia
Derrota na final ao Stellae Leis de Pontevedra por 3-7
Adrián "Pirata", gran protagonista con 5 goles
O Noia Portus Apostoli fíxose coa súa cuarta copa Galicia. O equipo noiés amosou a súa superioridade dende o comezo ante o Stellae Leis de Pontevedra, que milita na 2ª División B da RFEF.
Xa ao descanso mandaban o Portus Apostoli por 3-1. Pirata marcara os dous primeiros, Altamirano asinou o terceiro e xusto no último segundo da primeira metade o Leis marcaba o gol da honra.
A conta seguiu subindo na seguna metade para o cadro noiés. Pirata completaba o seu hat-trick e Thierry apuntábase á festa. 5-1 cando aínda quedaban 8 minutos por diante. Buscou recurtar distancias o equipo pontevedrés e arriscou co porteiro-xogador pero pagou o seu atrevemento con dous goles case consecutivos de Pirata. O Leis fixo o seu segundo gol dende o punto de penalti. Said bateu a meta do Portus Apostoli e aínda marcaría un terceiro gol o cadro pontevedrés, un roubo logo dun exceso de confianza na saída do balón pechaba o partido co 3-7 definitivo.