Pirata volve ser o factor decisivo do derbi entre o Noia e o Burela (3-2)
Un gol do capitán noiés a un minuto do final deulle o triunfo ao equipo que exercía como local
Un gol de Adrián Pirata a un minuto do final deulle a vitoria ao Noia Portus Apostoli diante do Burela (3-2). Partido moi igualado no que se adiantou o Noia cun tanto do propio Pirata. Ata o segundo tempo non se volveu mover o marcador. Foron seis minutos de vertixe co empate de Rikelme, o segundo local de Power e o posterior empate de Pitero. Parecía que se ía repetir o resultado da primeira volta pero apareceu Pirata dun xeito decisivo e puxo o resultado definitivo.
O Noia mantense fóra dos postos de descenso, cun punto de vantaxe sobre o Rivera Navarra que tamén gañou esta xornada. Apértase a parte baixa da clasificación nunha pelexa na que tamén se ven implicados o Valdepeñas e o Córdoba, con 20 puntos.