Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Burela remonta o derbi da Seca (1-2) e afasta o Poio da promoción

O Burela remonta o derbi da Seca (1-2) e afasta o Poio da promoción

G24.gal 08/03/2025 21:03

Ambiente festeiro, no pavillón da Seca. Só ata que comezou o partido. Daquela a loita foi intensa no derbi entre os dous mellores equipos galegos da primeira división: o Poio e o Burela. 

As locais chegaban doídas tras quedaren eliminadas da Copa Galicia. Na Liga van de sextas e aspiran ao cuarto posto para xogar a fase polo título. Adiantáronse grazas á estratexia, no minuto 5 con este gol de Élia tras o córner que botou Irene García. Premio a un moi bo inicio de partido con presión alta. 

Pero todo cambiou nun minuto. O minuto 11. Aumentou a presión o Burela e Cris Lourés provocou un mal pase que aproveitou Antía Pérez para acadar o que é o seu noveno gol da temporada. A xogadora viguesa foi a protagonista da remontada do cadro lugués. Porque despois do empate, e dun tempo morto, na seguinte xogada Antía roubou o balón. Pase a Cris Lourés e asistencia da naronesa para que Emilly asinase o 1 a 2. Un resultado que se mantivo ata o final.

Na segunda parte o Poio aplicouse no xogo de cinco, pero notou a falta de Ale de Paz, e o Burela sempre defendeu ben a súa posición. Emilly volveu ter unha boa oportunidade que evitou a saída de Elena. E a mellor ocasión foi a de Candela Soria tralo erro da propia Emilly, pero interveu ben Caridad na portería.

O Poio queda agora a 7 puntos do seu obxectivo. Mentres que o Burela queda de terceiro a 5 do líder, o Melilla. Agora, tres semanas de descanso de liga. Non para as internacionais, que disputarán o torneo clasificatorio con vistas ao primeiro mundial feminino.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade