Remata a primeira fase do plan 'Abrir Ferrol ao mar', con novas sendas e aparcadoiros gratis
O presidente da Xunta salientou o "esforzo de invermento público" para transformar a fachada marítima da cidade
Ferrol avanza no seu plan de integrar a zona portuaria na cidade, coa inauguración este venres das actuacións que faltaban para completar a primeira fase do proxecto 'Abrir Ferrol ao mar'. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a colaboración entre administracións para facer as cidades máis accesibles para os cidadáns.
A entrada a Ferrol xa suma 2,5 quilómetros de carril bici e senda para peóns e 231 novas prazas de aparcadoiro gratis na zona do porto, tras a posta en servizo da humanización da dársena de Curuxeiras, con máis zonas verdes e espazos para peóns. Nunha visita á cidade, Alfonso Rueda lembrou que o investimento total do proxecto será de 15 millóns de euros, dos que a Xunta porá a metade, e o resto o Concello e a Autoridade Portuaria.
"Isto fala ben do esforzo que se fai de investimento público e de como nos coordinamos para cumprir prazos e avanzar nunha cidade máis sostible e vivibles", dixo Rueda.
O presidente tamén afirmou que Ferrol é un exemplo de colaboración coa Xunta para constuír vivendas públicas. O xefe do Goberno galego apuntou que é a primeira cidade que ten en marcha, en distintos graos de execución, todos os pisos proxectados para esta lexislatura en Ferrol.