Saídas complicadas para os equipos galegos na Liga ACB
Saídas complicadas para os equipos galegos na Liga ACB
O Breogán viaxou a Málaga cos mesmos efectivos que a Palencia buscando resarcirse das catro últimas derrotas na Liga, pero sobre todo, coa intención de mellorar a súa produción ofensiva que o sitúa como o equipo menos anotador e con peores porcentaxes de tiro, tanto de dous coma de tres, aínda que a Mrsic non lle preocupa demasiado: "Preocúpanme todas as fases do xogo, as porcentaxes de tiro son por circunstancias no partido, algo que pasou no previo do partido. Estou seguro que é algo para mellorar, pero eu sempre miro todo".
Enfronte terá as seis e media a un Unicaja en progresión que gañou os catro últimos partidos oficiais e que esixirá a mellor versión dos lucenses. "Temos que xogar un baloncesto moi bo, serio, sen erros para poder gañar o partido".
Tamén se desprazou o Obradoiro, que se enfrontará ás nove menos cuarto a un Gran Canaria irregular con dúas facianas. Unha na Liga, con só dúas vitorias e outra en Europa, onde gañou os catro partidos: "É un equipo rapidísimo, que xoga moitísimas posesións, con moita calidade en todos os postos, tanto no perímetro coma no xogo interior e creo que están atopando o camiño que todo o mundo necesita, non?", opina Moncho Fernández.