Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez admite que esperará aos congresos de Junts e ERC para tentar aprobar un novo teito de gasto

Sánchez admite que esperará aos congresos de Junts e ERC para tentar aprobar un novo teito de gasto

Sánchez insistiu en que votar en contra da senda de estabilidade supón que as CCAA e o concellos dispoñan de 12.000 millóns de euros menos

G24.gal 25/09/2024 20:53

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou este mércores que esperará ata que se celebren os congresos de Junts e ERC para tratar de aprobar unha nova senda de estabilidade, paso previo para ter uns novos orzamentos xerais do Estado para 2025.

"Non facemos política sobre o baleiro, nós, evidentemente teremos, como se fixo noutras ocasións, que esperar non ao congreso, aos congresos dos socios parlamentarios que temos", indicou Sánchez en rolda de prensa desde Nova York, en referencia ás dúas formacións catalás, que celebran congresos este outono.

O xefe do Executivo fixo estas declaracións despois de que o Goberno decidise retirar a votación da senda de déficit que estaba prevista para este mesmo xoves ao non contar cos apoios suficientes pola negativa de Junts a apoialo.

O Goberno anunciou a súa disposición para negociar con Junts unha nova senda de estabilidade, a pesar de que viña defendendo nas últimas semanas que non a cambiaría, e acto seguido ERC advertiu de que se a negociación se volvía a abrir eles tamén poñerían sobre a mesa as súas peticións.

Por tanto, Sánchez, ao ser preguntado sobre se esperaría o congreso de Junts --que se celebra a finais de outubro-- puntualizou que esperará aos "congresos" incluíndo tamén a ERC que celebra o seu conclave a finais de novembro, os mesmos días que o Congreso Federal do PSOE que reelixirá a Sánchez como secretario xeral.

Nestas citas, ERC e Junts renovarán as súas direccións e previsiblemente definirán cal vai ser a súa relación co Goberno Central a partir de agora.

Tacha de hipocrisía a posición dos presidentes do PP

Na mesma liña Sánchez insistiu en que non vai renunciar a "facer os seus deberes" é dicir a presentar ás Cortes Xerais un proxecto de Contas Xerais para 2025. "Iso ímolo facer, e queremos facelo ademais desde o acordo e para iso creo que é importante contar cunha senda que sexa aceptada e validada pola maioría parlamentaria das Cortes Xerais", indicou.

Por iso, sinalou, decidiron retirar a proposta inicial acordada no Consello de Política Fiscal e Financeira, "para dar unha oportunidade ao acordo", segundo remarcou.

Do mesmo xeito que indicou que esa é a responsabilidade do Goberno, tamén puxo o foco no resto de grupos parlamentarios, especialmente no PP e criticou que os presidentes das comunidades autónomas gobernadas polos populares pidan un novo financiamento e máis recursos económicos e cando o Executivo Central pon sobre a mesa 12.000 millóns de euros para dous anos "non lle esixen ao seu grupo parlamentario que aprobe a senda que está a ofrecer o Goberno. É dunha enorme hipocrisía", queixouse.

Sánchez insistiu en que votar en contra da senda de estabilidade supón que as CC. AA. e o concellos dispoñan de 12.000 millóns de euros menos e remarcou que esa cantidade equivale ao gasto en vivenda de todas as comunidades en 6 anos; ao gasto anual en medicamentos e serviría para pagar os salarios dun ano do conxunto de persoal e profesores de educación preescolar e primaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade