Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez comprometerá no cumio da OTAN que España subirá ata o 2 % do PIB o gasto en defensa

Sánchez comprometerá no cumio da OTAN que España subirá ata o 2 % do PIB o gasto en defensa

O compromiso será chegar a ese 2 % do PIB en 2029

O cumio celébrase despois de que a OTAN publicase uns datos que sitúan a España como o país da Alianza que menos proporción do seu PIB gasta en defensa, cun 1,28 % este ano

G24.gal 09/07/2024 10:39

O presidente do Goberno Pedro Sánchez viaxa este martes a Washington para participar no cumio da OTAN, onde ratificará que España cumprirá o seu compromiso de chegar en 2029 a un gasto en defensa do 2 % do seu PIB a pesar de ser na actualidade o aliado máis afastado desa porcentaxe.

Será ao termo da reunión do Consello de Ministros cando se desprazará aos Estados Unidos para participar nesta mesma xornada na cerimonia a que acudirán os líderes aliados para conmemorar o 75 aniversario da OTAN.

Sánchez acode acompañado polos ministros de Asuntos Exteriores e Defensa José Manuel Albares e Margarita Robles. Nesta ocasión non viaxa con el a súa esposa Begoña Gómez, que si que o acompañou o ano pasado no cumio de Vilna e estivo tamén xunto ao presidente do Goberno nalgúns actos no marco da que albergou Madrid en 2022.

O cumio celébrase despois de que a OTAN publicase uns datos que sitúan a España como o país da Alianza que menos proporción do seu PIB gasta en defensa, cun 1,28 % este ano.

Ante iso, en Moncloa lánzase unha mensaxe de tranquilidade e seriedade e asegúrase que o compromiso é firme de chegar ao 2 % en 2029, tal como comprometeu Sánchez no cumio de Madrid.

Chama a atención o Goberno de que o PIB de España está a crecer moi por encima da media europea e por iso, aínda que se incremente o gasto en defensa, non queda reflectido na porcentaxe de PIB como lle gustaría.

Ademais, fai fincapé en que España é o terceiro país da Alianza que máis aumentou o seu gasto en defensa nos últimos anos, cun incremento do 77 % desde 2016 ata a actualidade, e asegura que ese esforzo é recoñecido tanto polas autoridades da OTAN como polos aliados.

O Goberno outorga unha gran relevancia a este cumio non só pola conmemoración do 75 aniversario da Alianza, senón polo contexto internacional en que se celebra, con asuntos clave como a guerra en Ucraína e o conflito en Oriente Medio.

Desexa o Executivo que de Washington saia reforzada a mensaxe de apoio a Ucraína todo o tempo que sexa necesario para facer fronte á agresión rusa e afirma que así seguirá actuando España tal como se comprometeu no recente acordo de seguridade bilateral que subscribiron en Madrid Pedro Sánchez e o presidente ucraíno Volodimir Zelenski.

Pero tamén desexa España máis atención ao flanco sur da OTAN despois do impulso que para iso se deu no cumio de Madrid de hai dous anos e ante a situación no Magreb, o Sahel e Gaza, e por iso aplaude que se vaia adoptar un plan de acción específico para o sur coa designación dun representante especial do secretario xeral da Alianza para esa zona.

Prevé igualmente unha serie de reunións bilaterais (cos seus homólogos de Nova Zelandia, Noruega e Montenegro), pero non está prevista ningunha co presidente dos Estados Unidos Joe Biden, anfitrión do cumio, no medio de voces do seu partido que lle piden que renuncie á carreira presidencial, que el rexeitou totalmente.

Tampouco ten pechada ningunha reunión co novo primeiro ministro británico Keir Starmer, con quen volverá coincidir a próxima semana no Reino Unido, xa que alí haberá un cumio da Comunidade Política Europea.

Si que hai un encontro xa anunciado polo ministro Albares co seu homólogo do Reino Unido David Lammy para falaren, entre outros asuntos, da necesidade de chegar canto antes a un acordo sobre a situación de Xibraltar tras o Brexit

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade