Publicador de contidos
Publicador de contidos

Semana de arte urbana en Carballo na décima edición do Rexenera Fest

Semana de arte urbana en Carballo na décima edición do Rexenera Fest

G24.gal 05/06/2023 21:33

O artista sevillano Alberto Montes inspírase na natureza alá por onde vai. No Rexenera Fest crea un mural de chorimas, follas de carballo ou castiñeiro que contemplou paseando á beira do río Anllóns.

O propio artista explica o proceso creativo: "Fago intervencións de xeito dixital fragmentando o que vexo e modificando o punto de vista e a forma habitual de entendelo, e propoño darlle un novo significado, unha nova lectura".

Desta volta, o festival internacional de arte urbana de Carballo ten como epicentro o barrio da Lagoa.

"O barrio ten unha vida singular dentro do que é a vida urbana e non deixa de ser un espazo moi espacial. Nótase en como se comporta con menos tráfico, cunha vida moito máis calmada. E esa singularidade do barrio tamén a quixemos tratar no Rexenera e creo que os artistas tamén o entenderon e están plasmando dentro das súas propias pinturas o barrio e esa singularidade", asegura Xosé Regueira, concelleiro de Turismo en funcións de Carballo.

Seis son os artistas convidados. Veñen de México, Bélxica, Salamanca e Zaragoza, e está tamén o galego Maz. En dez anos de historia o Rexenera pasou de ser un experimento urbano e social a converterse nun referente nos foros internacionais.

Para Xosé Regueira: "É unha marca que se fixo con ela a propia sociedade e agora a sociedade cada vez que se fala de Carballo reivindica as súas pinturas, a súa galería urbana e iso tamén nos deu a oportunidade de trasladalo ao ámbito estatal e internacional".

O Rexenera Fest continúa ata o domingo cun programa de actos que inclúe concertos e rutas guiadas por unha galería de arte urbana que conta con máis dun cento de obras de gran formato.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade